DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ana Pastor, xornalista de Televisión Española:

“As cousas boas non caen do ceo, necesítase esforzo e pelexar moito”

Confesa que a honestidade é o principal valor dun bo comunicador

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 03/06/2011

Aínda que foi unha visita moi breve, pois soamente estivo tres horas en terra galega, a xornalista Ana Pastor, presentadora e directora do programa Las Mañanas de TVE, estivo este xoves no campus de Pontevedra impartindo a lección maxistral no acto de graduación de Ciencias da Educación. Na súa conta de Twitter, tras rematar a cerimonia, recoñeceu ter “pasado unha tarde moi bonita e chea de emoción ao ver chorar a algúns dos pais”. A pesar da súa apertada axenda, tivo uns minutos para falar co DUVI e achegarnos a súa visión da profesión xornalística.

Actualmente presenta e dirixe Los desayunos de TVE e anteriormente 59 segundos, decántase por programas con alto contido político?
Absolutamente, fascíname a política, pero a política con maiúsculas, a que existe, pois non todos os políticos son iguais, como non o somos todos os xornalistas, nin todos os perruqueiros, nin todos os avogados; estou no programa que quero estar e estou encantada.

Cre que existe a imparcialidade no xornalismo?
Eu creo que existe a honestidade e eu cada mañá non o teño nin que pensar, necesito sentirme honesta para poder entrar en directo e desde esta formulación programo a miña vida e a miña profesión. Eu asumo a responsabilidade de facer o que fago, é dicir, un gran poder como o que se ten cando saes pola televisión implica unha gran responsabilidade polo que intento ser responsable en cada cousa que fago e que digo.

Como se definiría como xornalista?
Incisiva e que nunca me rindo, ademais, gústame selo.

A súa entrevista ao presidente Mahmud Ahmadineyad foi un claro exemplo do seu estilo 'incisivo'?
Esta semana, por primeira vez, vin por completo toda a entrevista, e o momento de máis intensidade é cando lle falo da lapidación a mulleres e da execución a homosexuais e, aínda que non contestaba a ningunha das miñas preguntas, tiña a obsesión de que o fixera. O do velo non lle incomodou para nada, pero o que si o fixo foi a miña actitude incisiva, o ton da entrevista.

Despois de ter traballado en prensa, radio e televisión, con que se queda?
Pois se podo non escollo. É verdade que a televisión che da moitas oportunidades, por exemplo entrevistar ao presidente de Irán, pero agora mesmo compatibilizo as tres cousas, porque en RNE tamén fago algunha colaboración e escribo de cando en vez. Se podes, non escollas e intenta pisar todos os territorios e así saberás o que che gusta. Podo dicir que agora mesmo estou vivindo uns dos momentos máis doces, sobre todo polo que estou aprendendo. Temos a posibilidade de estar facendo moitas cousas importantes en TVE. Síntome encantada de estar neste equipo, e aínda que o madrugón das catro da mañá sabe ao que sabe, estou feliz.

Pensa que a comunicación 2.0 prexudica á profesión xornalística?
Para min é unha ferramenta fundamental, pois Twitter permíteme recibir noticias de última hora desde Aljazeera, CNN o New York Times. A capacidade de chegada de noticias e de poder envialas é absolutamente espectacular. En canto a que todos nos sentimos xornalistas con estas ferramentas é unha análise que debemos facer. Comunicar faino moita xente, o que ocorre é que o xornalista debe diferenciarse, contrastando esa información, cousa que un cidadán non fai, pois envía o que viu ou o que cre que viu.

Que mensaxe lle quere transmitir aos futuros titulados coa súa visita a Pontevedra?
A cultura do esforzo da que a xente maior nos fala. É importante remarcala e cando consegues cousas despois de ter loitado moito moito moito, saben mellor. As cousas boas non caen do ceo, necesítase de esforzo e pelexar moito. Penso que é bo que a xente que sae da universidade saiba que a vida está complicada incluso tendo unha carreira, pero hai que pelexar, así é como se consegue avanzar.

Estivera algunha vez en Pontevedra?
Non, pero coñézoa por Mariano Rajoy, porque todo o asocio á política. Prometo que virei con máis tempo a visitar esta cidade que polo que me contaron ten un casco vello marabilloso.