DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa inauguración da exposición dos proxectos finais do Máster en Creación e Investigación en Belas A

A creación artística confírmase como unha boa vía de investigación

Dende a facultade experimentan un novo modelo científico a partir da propia obra de arte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 01/06/2011

As achegas científicas soen presentarse como longos estudos con centos e centos de follas. Agora ben, dende o Máster en Creación e Investigación da Facultade de Belas Artes están a experimentar un novo modelo de investigación a partir do propio acto do creador artístico, que tivo como resultado a exposición Traballos Fin de Máster 2011, inaugurada este mércores 1 de xuño. Unha selección de 22 obras deseñadas polos alumnado da primeira promoción do mestrado, “resultados dun dilatado proceso de investigación e non meros caprichos circenses”, comentou o profesor Juan Fernando De Laiglesia, un dos comisarios da mostra.

Como explicou Nono Bandera, director do mestrado, “dende que se empezaron a facer os programas de doutoramento hai 30 anos para as escolas de Belas Artes, tivemos que asumir modelos de investigación doutras áreas de coñecemento, como da socioloxía, da filosofía ou da historia da arte”, polo que a facultade, co novo mestrado, pretende abrir unha nova vía de investigación a partir da propia práctica artística, “creando novas propostas de investigación moi singulares e persoais”. Trátase, en definitiva, de xerar coñecemento “máis atento aos procesos que aos meros produtos”, engadiu De Laiglesia.

Comentaron ademais que o proceso de investigación non se culmina se non se dá a coñecer. “Débese sacar o resultado ao espazo público”, de aí a orixe da exposición e da defensa pública que os artistas deberán facer ante un tribunal avaliador “unindo obra con texto escrito”.

Unha selección de 22 obras froito dun longo proceso de reflexión

A exposición consta dunha limitada selección de obras dos 22 alumnos e alumnas: Enrique Lista, Marta Bran, Andrea Outeiral, Cristina Ramírez, Natalia Blanco, Miriam Cartagena, Carla Vijande, Josetxu Fernández, Daniel Pérez, Marta González, Jesús de la Iglesia, Sebastián Camacho, Tania Pérez, Lucía García, Sara Álvarez, Elvira Paz, Gema López, Sheila Pazos, Marta Fariña, Christian García, Marcos Covelo e Carlota Salgado. 22 liñas de investigación “que non produtos, froito de todo un longo proceso de creación durante todo un ano cun seguimento personalizado dos titores cos que estiveron en diálogo permanente”. A mostra, de carácter multidisciplnar, atende a case todos os eidos da arte con exemplos de fotografía, de pintura, de gravado ou de escultura, empregando linguaxes “da posprodución, do apropiacionismo, da instalación, do vídeo…”, apuntou Bandera.

Dous espazos expositivos

Debido ao gran volume de obras, a mostra inaugurouse este mércores 1 de xuño en dous espazos diferentes. En primeiro termo, na sala de exposicións do Edificio Administrativo da Xunta, onde se poden contemplar un total de 15 obras, e en segundo termo na Fundación Rosón Arte Contemporáneo, na que se atopan as outras sete creacións. Esta exposición manterase aberta ao público ata o vindeiro 30 de xuño de 2011.