DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha exposición recolle 50 pares destas pezas tradicionais ‘customizadas’ por publicistas do país

A creatividade galega cálzase as zocas

Na delegación viguesa do Colexio de Arquitectos ata o 23 deste mes

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 18/11/2011
As tradicionais zocas de madeira foron quedando no esquecemento co paso das décadas ata convertese case en pezas de museo. Agora, a comezos do século XXI, volven á actualidade tras un baño de imaxinación e unha da man orixinalidade impregnada polo creativos publicitarios galegos.

Dos pés dos labregos as zocas pasan ás salas de exposicións de todo o estado convertidas en zapatillas de deporte, patíns, produtos de Ikea, trebellos para 007, trofeos ou zapatos de flamenco. Detrás desta innovadora e sorprendente iniciativa está a asociación galega de publicistas Creatividade Galega, impulsada pola Universidade de Vigo, que traballa para visibilizar e mellorar a calidade da produción publicitaria de Galicia. Os ingredientes do proxecto son 100% galegos, o produto base son as zocas, unha icona do país, e a imaxinación para customizalas é tamén ‘da casa’, xa que a asociación solicitou a a colaboración de 50 axencias, deseñadores e arquitectos galegos. O seu cometido era reinterpretar as zocas dende o punto de vista dun creativo, empregalas como materia prima, como lenzo no que proxectar por toda España o potencial do sector publicitario e do deseño.

Tras o seu paso por Madrid e Barcelona, onde visitaron a mostra arredor dun milleiro de persoas, dende este xoves e ata o vindeiro 23 de novembro Zocas Novas permanecerá na sede viguesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Na exposición reúnense, xunto cos 50 modelos actualizados de zocas, algunhas das mellores campañas publicitarias realizadas polas empresas galegas. Os visitantes puideron ver neste primeiro día aberto ao público o proceso de creación das zocas tradicionais da man dun artesán. As zocas orixinalmente empregadas polos deseñadores galegos parten do deseño de Alberto Geada, un dos poucos talladores deste calzado que quedan en Galicia, que traballa coa técnica tradicional. Este artesán puxo en marcha un museo dedicado ás zocas e ao madreño en Mondoñedo e o seu traballo, exhibido en salas, pasarelas e espectáculos de todo mundo, inspirou a acción de Zocas Novas unindo vangarda e tradición, creatividade e artesanía.

O itinerario continúa ata unha poxa

Tras a cidade olívica, a mostra desprazarase a Pontevedra do 24 ao 30 de novembro, a Ourense do 12 ao 15 de decembro e á Coruña xa no mes de xaneiro. Unha vez rematada a exposición, os 50 pares de zocas serán obxecto dunha poxa cuxa recadación se destinará a fins benéficos, concretamente para xoguetes para os cativos máis desfavorecidos.