DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Cátedra Bancaja de Xoves Emprendedores organiza un curso sobre competencias directivas

Creatividade e innovación para ser un bo xefe

A finalidade é amosar as técnicas e instrumentos de dirección e colaboración con persoas e equipos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 26/09/2011

Todos somos creativos, cada un no seu, pero polo menos nunha cousa. Esta é a teoría, pero na prácticas, a creatividade como calquera outra capacidade hai que fomentala, traballa e potenciala. Baixo esta premisa, a profesora Trinidad Domínguez, impartiu este luns o obradoiro que abriu o Curso de Competencias Directivas, organizado pola Cátedra Bancaja de Xoves Emprendedores en colaboración coa Área de Emprego.

O director da Área de Emprego, José Ignacio Armesto, explicou na inauguración que, con este tipo de iniciativas, preténdese amosar a estudantes e titulados as técnicas e os instrumentos vinculados á dirección e colaboración con persoas e equipos. Ao longo da semana, os asistentes poderán achegarse a compoñentes tan útiles, ademais da creatividade e a innovación nesta primeira xornada, á xestión do tempo, o traballo en equipo ou o debate e a motivación. Indicou Armesto que todas estas capacidades conforman un programa moi relacionado “coas competencias transversais”, todas elas habilidades persoais de alto interese e utilidade en todos os eidos laborais, sobre todo para aqueles que teñan entre as súas responsabilidade a de coordinar a un equipo de persoas.

Porén, o director da Área de Emprego quixo poñer de relevancia a importancia dos idiomas ademais destas competencias directivas, xa que “o coñecemento dunha lingua pode ser un filtro determinante á hora de ser seleccionado para un emprego” e lembroulles que a Universidade conta co Centro de Linguas ao que poden acudir para ampliar o seu dominio idiomático.

Da xestión do tempo ás habilidades directivas

O curso desenvolverase ata este venres e incluirá ademais da docencia un obradoiro de debate da man do profesor e fundador da spin-off QCoach, Joaquín Dosil, que amosará aos asistentes técnicas de motivación necesarias especialmente para dirixir un equipo de traballo.

O módulo sobre xestión do tempo será impartido por Juan José Molinos Casal, profesor da Universidade de Vigo e secretario da Confederación Empresarial de Ourense, CEO, mentres que o de traballo en equipo correrá a cargo de Avelino Cerdeira, responsable de Proxectos de Recursos Humanos en Improvia. O seminario inclúe tamén un módulo práctico, que pechará o curso o venres, que consistirá nunha visita ao Centro Tecnolóxico AIMEN.

Neste primeiro módulo do curso, a docente Trinidad Domínguez organizou a xornada arredor de actividades prácticas e traballo por parellas e equipo para amosar diferentes técnicas e ferramentas para potenciar a creatividade e a innovación, dende xogos ata puzzle , procurando que a vergoña e as reticencias iniciais deixaran paso á imaxinación e ás capacidades máis imaxinativas.