DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acto de entrega dos premios de poesía, relato curto e tradución

A creatividade literaria agroma entre enxeñeiros e economistas

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 24/05/2011

Son moitos e de moi alta calidade os escritores e escritoras que xurdiron da Facultade de Filoloxía e Tradución e moitos os que imparten docencia no centro, pero a creatividade literaria na nosa lingua espállase máis aló das súas portas e finca ben fondas as súas raíces por toda a Universidade. Boa mostra deste interese polas letras en galego son Xosé Daniel Costas Currás e Virxilio Rodríguez, gañadores dos premios de poesía e relato curto, respectivamente, organizados pola Área de Normalización Lingüística. O primeiro, estudante da ETSE de Minas, e o segundo, profesor da Facultade de Dereito de Ourense, teñen dúas bagaxes moi diferentes pero cunha firme aposta pola escrita xa recoñecida por diversos galardóns, nesta mesma convocatoria en edicións anteriores e noutros, alleos á vida académica.

Ambos, xunto cos gañadores dos accécits en poesía, relato curto e tradución recibiron as súas distincións este martes nun acto organizado pola Área de Normalización Lingüística, organizadora deste certame, e cargado de humor, ironía e crítica política e social da man do dúo Gayo Pinheiro.

O vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, remarcou a importancia deste tipo de convocatorias para fomentar a escrita entre toda a comunidade universitaria, docentes, investigadores, estudantado e traballadores. Remarcou Costas a ledicia que supón que un dos accésit fose para un alumno do Programa de Maiores, “que tamén son Universidade a todos os efectos”. Animou a todos eles a dar o salto á literatura de xeito firme, “a maiores empresas” e destacou o papel da Universidade como alcouve de escritores, poetas e tradutores.

En total presentáronse ao certame un total de 32 traballos, 12 na categoría de poesía, 14 en relato curto e 6 en tradución literaria, quedando nesta última deserto o primeiro premio.

Dende Berlín

Espellos, o relato curto de Virxilio Rodríguez, recolle un día de 1989 en Berlín, a vida dun personaxe que “ben poder ser un axente da Stasi ou ben un fuxido”, pero en todo caso é unha historia de descubrimentos, de fronteiras e buscas nunha cidade que é “case un símbolo” e na que o profesor pasou un ano preparando a súa tese de doutoramento en 2004. A caída do muro real é tamén a caída dun muro imaxinario que “podía dar paso a un voraz capitalismo sen contrapeso na balanza”; é en fin un relato onde o autor reflexiona sobre as barreiras, os soños e a procura da liberdade pero onde tamén se lembra dunha cidade chea de simbolismos.

Para Virxilio Rodríguez este premio ten tamén certo simbolismo, xa que no primeiro ano de carreira, en 1997, acadou unha mención especial, no derradeiro ano de estudos un accésit “e agora pecho o círculo co primeiro premio”. Entre tanto, estes anos dedicounos o profesor a outro tipo de literatura, a científica, preparando a súa tese, “pero agora, animado polo meu pai, ao que dou as grazas, volvín presentarme”.

Un poemario sobre as persoas

Xosé Daniel Costas estuda unha enxeñaría que, a priori pouco ten que ver coa creación literaria, pero a súa paixón pola poesía vén de longo. Membro da Lonxa Literaria de Moaña, este é o segundo ano consecutivo que se fai co galardón, desta volta co poemario Dime de ti, que fala das persoas, “das que me rodean máis de preto e de outras moitas, por extensión”, de todo aquilo que nos fai únicos. O galardoado explica que a lectura acaba demandando tamén a a escritura e, así, pasou de lector a poeta, influído tamén pola contorna que o rodea e polo amor á lingua, polo compromiso co galego.

Xosé Daniel Costas foi tamén finalista do 1ª premio de poesía erótica noites abertas do concello de Pontevedra; obtivo o 3º premio de poesía do VIII Certame Literario concello de Ames 2011, e o 2º posto no III Premio de Poesía María Mariño 2011, con diversas obras.

Premiados

En poesía, os accésits recaeron en A Contrafío, de Anxo Manuel Rodríguez Ratel, e Camiños de Salitre, do profesor Anxo Mena Rodríguez. Na categoría de relato curto, fixéronse cos accésits o profesor de Enxeñaría Industrial, Alberto Comesaña Campos co relato Familia, e o estudante Bruno Bouvy Vilaboa polo relato O canto do cisne. En tradución literaria o xurado destacou o traballo de Raquel Uzal Gómez, xa galardoada noutras edicións, pola tradución dun texto do escritor inglés Julian Barnes, e a Andrés Trigo Misa que para a súa tradución elixiu un texto da francesa Nathalie Rheims.

Estas obras, xunto con outras recomendadas polo xurado, composto entre outros polos profesores Anxo Angueira, Liliana Valado ou Manuel Bragado, entre outros, serán compiladas nun libro que edita a propia Área de Normalización Lingüística.