DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celanova acollerá un ano máis o curso universitario de verán sobre o audiovisual

A creatividade non entende de crise

Será do 18 ao 20 de xullo coa proxección de destacadas producións galegas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 09/07/2012

A crise económica está presente e afecta a todos os sectores e ámbitos menos a un. Ao do talento e ao da creatividade, que en tempos de crise colle aínda se cabe máis pulo para atopar solucións enxeñosas que contrarresten a ausencia de recursos materiais. Con esta idea, o Concello de Celanova acollerá do 18 ao 20 de xullo unha nova edición do xa tradicional curso universitario de verán sobre o audiovisual galego. Entre os participantes estarán os creadores de destacadas producións de éxito en 2011 e 2012, como Arrugas e Birdboy.

A edición deste ano, que leva por título Crise vs. creatividade: os novos desafíos do audiovisual galego, foi presentada este luns por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Miguel Anxo Fernández, director do curso; Gustavo Adolfo Garrido, director xerente da Fundación Carlos Casares; Antonio Mouriño, alcalde de Celanova, e Paulino Pérez, docente da Universidade de Vigo. “Fronte a crise, creatividade”, salientou como lema desta iniciativa María Lameiras, mentres facía fincapé na importancia de descentralizar as actividades académicas coa organización fóra do campus de Ourense de iniciativas coma este curso. “A crise non afecta ao talento”, engadiu Miguel Anxo Fernández.

De Arrugas a Birddoy

O responsable do curso apuntou que esta iniciativa “xa está consolidada” e destacou a súa relevancia por constituír “o único marco de reflexión e debate sobre o eido audiovisual que se celebra na provincia”. Deste xeito, durante tres días de traballo as 60 persoas inscritas asistirán á proxección de destacadas producións e o posterior debate de man dos seus propios directores e equipos. “Nesta ocasión tocaremos todos os paus, desde a animación ao documental”, apuntou Miguel Anxo Fernández. Deste xeito afondarase nas producións Tralas luces, Los días blancos. Apuntes sobre a rodaxe de Nostalghia, Arrugas, Cuestión de edad, Boas noites, Vikingland, El sexo de los ángeles, Birdboy, Mercado de futuros, As cousas de Kulechov e Memorias rotas.

Ao tratarse dun curso universitario, o eido académico terá un protagonismo especial. Deste xeito celebraranse varias sesións sobre cuestións como o a situación do cinema en feminino en Galicia, de man de Anna Amorós, docente da Universidade de Vigo, ou o sector da animación, coa participación do profesor Fortunato Rodríguez. Ademais, alumnos de Comunicación Audiovisual e da Escola Superior de Arte Dramática ESAD, baixo a dirección do profesor Paulino Pérez, producirán durante os días de celebración do curso unha curtametraxe de ficción que se proxectará o último día de Crise vs. creatividade: os novos desafíos do audiovisual galego. “Será unha experiencia moi interesante, porque os alumnos, con moi pouco diñeiro, terán que realizar a súa produción e vivir en primeira persoa o complicado que é facer audiovisual con case cero euros”, apuntou o docente.

Ademais de ser este curso unha experiencia interesante para os participantes, tamén o é para os habitantes do propio Concello de Celanova, pois, tal e como asegura o seu alcalde, “o pobo implícase moito na súa celebración”. Para Antonio Mouriño esta iniciativa ten o valor especial de permitir que “a Universidade estea presente en Celanova”, grazas á colaboración de todas as entidades implicadas nesta iniciativa.