DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vigo acolle o acto de apertura oficial do ano académico universitario galego 2011-2012

A crise económica e a xestión da austeridade marcan o comezo do curso

A lección inaugural rende homenaxe á importancia do latín na cultura xurídica europea

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 16/09/2011

Volta ás aulas nas universidades galegas. Vigo acolleu hoxe o acto de apertura oficial do curso universitario 2011-2012 en Galicia cunha idea en mente: a importancia do traballo en equipo e da cooperación, sobre todo no delicado momento económico que se está a vivir. Esa foi a idea na que coincidiron tanto o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, como o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nos discursos inaugurais dun acto solemne celebrado no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus vigués. “Vivimos un tempo no que a economía non trata de abundancia, senón da xestión da austeridade. O aplauso inmediato non ten cabida neste escenario”, explicou Núñez Feijóo, que salientou a importancia de aplicar ao Sistema Universitario de Galicia unha “gobernanza con goberno“ nun intre no que “a contorna económica hostil así o demanda” e no que é mellor afrontar “sen subterfuxios” que as universidades galegas esixen “moitos recursos” para reaccionar a tempo.

Coa sombra do novo plan de financiamento aínda sobrevoando sobre as universidades galegas, que reciben fondos en función dos resultados, o reitor da Universidade de Vigo non desaproveitou a ocasión para facer un chamamento a “axustar o gasto á estabilidade orzamentaria" pero sen esquecerse de investir recursos na educación superior para ter unha mocidade formada que poida levar adiante os seus proxectos de investigación na casa. Aínda que para iso o fundamental será promover o traballo en equipo entre as entidades e un tándem sociedade-universidade que facilite “aos nosos profesionais que poidan exercer a súa actividade no país”.

O dereito romano como berce

Nese ambiente discursivo marcado pola crise económica e a procura de solucións de futuro, a nota de cor a puxo a lección inaugural, impartida pola catedrática de Lingua Española, María do Carme Henríquez, que quixo renderlle homenaxe á importancia do latín na cultura xurídica europea e ao dereito romano como berce. Unha conclusión á que se chegou tras un proxecto de investigación realizado co presidente da Audiencia Provincial de Ourense, Fernando Alañón, e coa maxistrada Josefa Otero no que se examinaron “miles de resolucións do Tribunal Supremo”.

Arroupados polo tecido político, social e empresarial

Co Canticorum iubiro soando de fondo deu comezo un acto ao que asistiron numerosas autoridades políticas, sociais e empresariais, que quixeron arroupar o comezo do novo curso universitario. Acompañando a Feijóo e Mato na mesa estiveron o reitor das universidades de Santiago de Compostela, Juan Casares Long, e de A Coruña, José María Barja, e os presidentes dos Consellos Sociais das tres universidades galegas: Antonio Abril (A Coruña), Manuel Puga (Santiago) e Emilio Atrio (Vigo) na que probablemente será unha das súas últimas comparecencias públicas como presidente do Consello Social.

Entre o público, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto con outros membros da corporación municipal, como os concelleiros socialistas Carmela Silva e Raquel Díaz, os populares Teresa Egerique e Antonio Bernárdez ou a nacionalista Iolanda Veloso; a delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares; a delegada do Goberno en Zona Franca, Teresa Pisano; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chávez; a presidenta do Consello Económico e Social, Corina Porro; o novo responsable da Comandancia Naval de Vigo, Joaquín Ballesteros; ou presidente do Club Financiero de Vigo, Marcelino Otero.

Tamén estiveron presentes no acto os ex reitores da Universidade de Vigo, Luis Espada e Domingo do Campo; o director da ACSUG, Eduardo López; os secretarios xerais de Universidades e Normalización Lingüística da Xunta, José Alberto Díez de Castro e Anxo Lorenzo; o director da FEUGA, Francisco Javier Pereiro; o secretario xeral de CETMAR, Julio Taboada; o secretario xeral de Anfaco, Juan M. Vieites; ou numerosos representantes de colexios profesionais de Galicia. O tradicional Gaudeamos Igitur interpretado polo Coro Universitario dirixido por Nuria Lorenzo puxo o punto final a un dos actos máis importantes do curso académico.

Salustiano Mato pon ás universidades galegas ao servizo da sociedade en tempos de crise

Núñez Feijóo sinalou a Universidade de Vigo como exemplo de cooperación e de saber adiantarse ao futuro

A lección inaugural fai visible a importancia que segue a ter o latín na xurisprudencia europea actual