DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo celebrou o seu acto de graduación

Contra a crise, o optimismo e a capacidade de 200 novos profesionais

Remata a primeira promoción galega do Grao de Administración e Dirección de Empresas

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 10/06/2011
Formación, ideas, creatividade, confianza e ilusión. Son algunha das palabras máis empregadas cando se fala de buscar solucións á actual crise económica. Tamén son palabras que estiveron moi presentes no acto de graduación das novas promocións da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo que se celebrou este venres en Ourense. A estes 200 egresados corresponderalles dun xeito moi directo vivir as consecuencias da crise pero tamén como profesionais lles tocará ser axentes activos na súa superación.

Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, quixo salientar durante a súa intervención que o acto de graduación era singularmente especial porque coincide coa conmemoración dos 25 aos do centro e porque, froito da adaptación ao EEES, uns estudos rematan e outro celebra ter a súa primeira promoción. Concretamente, graduáronse 34 estudantes da Diplomatura de Turismo; 42 do Grao de Administración e Dirección de Empresas, do que sae a súa primeira promoción; 27 da Licenciatura de Administración e Dirección de Empresas e case 100 da Diplomatura en Ciencias Empresariais.

Consellos

A todos eles, José Manuel García, vicerreitor de Economía e Planificación da Universidade de Vigo, animoulles a enfrontar o futuro con valentía xa que, dixo, aínda que a preocupación ante a crise é comprensible, os titulados universitarios nas áreas empresarias seguen sendo os máis demandados polo mercado laboral. “O futuro é voso, ánimo e sorte”. Do mesmo xeito, Jesús Vázquez, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, advertiulles que “en tempos difíciles, a imaxinación e a creatividade son as armas para enfrontar a situación” e animou aos egresados a ter optimismo e confianza nas súas capacidades.

Estes consellos coincidiron cos dos profesores que falaron en representación de cada unha das titulacións, que foron Pablo de Carlos Villamarín, Elena Gallego, Lorenzo Rodríguez e Ángel Barajas. Eles agradeceron a oportunidade de compartir cos egresados estes anos de formación e emprazáronos a saír da universidade con ilusión, humildade, actitude positiva e gañas de seguir aprendendo. Uns valores que tamén recalcou o padriño de promoción, Artur Yuste, director xeral do Grupo Cuevas. “Este acto é importante para vós pero tamén para o noso futuro colectivo, con vós Ourense gaña”, destacou Yuste.

Os xa egresados foron recollendo un a un os seus diplomas ante a atenta ollada de amigos, familiares e autoridades, como Mª Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus, e José Luis Baltar, presidente da Deputación de Ourense. Moito humor no ambiente, algo de nostalxia dos momentos compartidos xuntos e moitas expectativas para a nova etapa que se lles abre. A Universidade remata a tarefa encomendada e agora, como salientou unha das egresadas no seu discurso, onde outros ven unha praia estes novos profesionais ven un modelo de desenvolvemento turístico saturado.

Graduación de Traballo Social

Esta fin de semana outros estudantes do campus tamén celebrarán o seu acto de graduación. Trátase da última promoción da Diplomatura de Traballo Social da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense. Será o sábado, ás 12.00 h, no salón de actos do Edificio Politécnico e coa presenza de Mª Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus de Ourense; Mercedes Suárez, decana da Facultade de Ciencias da Educación, e numerosos amigos e familiares.

Trátase de 62 novos profesionais que, como salienta a súa decana, se dispoñen a comezar a desenvolver a súa profesión nun contexto de crise económica pero tamén de transformación social “onde o seu papel vai a ser máis importante ca nunca”. Neste contexto, Mercedes Suárez destaca a importancia de que afronten esta etapa con gañas, valentía e profesionalidade.

Este acto de graduación pecha os da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, que o pasado 4 de xuño xa conmemorou a graduación de 350 estudantes das titulacións de Educación Primaria, Educación Especial, Psicopedagoxía, Educación Infantil, Educación Social e Linguas Estranxeiras.