DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mañá día 2 e o venres 3 no Mosteiro de San Clodio no Concello de Leiro

Un curso afonda nas oportunidades empresariais que ofrece o programa Leader de desenvolvemento rural

Promovido pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa e a Deputación Provincial

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 01/07/2009

Dar a coñecer a normativa, procedemento e financiamento do programa Leader son os obxectivos formulados para o curso O programa Leader 2007-2013. Oportunidades de xeración de iniciativas empresariais e emprego do medio rural galego que terá lugar este xoves e venres no Mosteiro de San Clodio, no Concello de Leiro, a iniciativa da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa da Universidade de Vigo.
Este curso, promovido pola Deputación Provincial de Ourense e coa colaboración da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, terá fundamentalmente un enfoque práctico e de máxima actualidade, xa que no mes de xuño a maioría de Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) están abrindo as convocatorias de selección de proxectos e publicando os criterios para a escolla. “Trataremos de ampliar o coñecemento sobre este programa, que xa se desenvolveu, en parte, no Máster de Axentes de Emprego que se leva a cabo en colaboración coa Deputación”, explicou José Antonio Fraiz, coordinador académico do curso e director do Máster en Dirección e Planificación do Turismo.
Ao longo destes dous días, o seminario, dirixido a membros da comunidade universitaria e, especialmente, a profesionais de empresas e funcionarios das institucións públicas, dará respostas “aos diferentes axentes interesados no desenvolvemento do Leader, para que coñezan os mecanismos dos que se poden aproveitar para presentar proxectos”. De xeito máis concreto o curso centrarase na estrutura e papel dos GDR como entidades colaboradoras da AGADER, a actual convocatoria de axudas para a cooperación intercomarcal, interterritorial e transnacional e os procedementos a seguir polos promotores das iniciativas. Estes contidos teóricos serán desenvoltos, a través de relatorios, “por expertos na materia e polos máximos responsables da administración estatal e autonómica na xestión do programa”, indicou Fraiz, que debido a súa procedencia académica destacou de xeito especial “a participación da secretaria xeral de Turismo, María do Carmen Pardo” na última sesión das xornadas.

Os programas de desenvolvemento rural

O curso comezará este xoves introducindo o tema do Leader e establecendo o marco comunitario, español e galego desta política de desenvolvemento rural. Falarase nesta primeira aproximación dos eixes, obxectivos e medidas do programa. A partir desta introdución o resto de módulos teóricos afondarán na metodoloxía Leader a través de tres bloques temáticos: os programas de desenvolvemento e os GDR; o financiamento dos distintos programas; e a forma de presentar as iniciativas e proxectos ao Leader.
No primeiro apartado, que se desenvolverá o día 2 pola mañá, falarase do papel dos GDR como actores de dinamización dos territorios rurais e a súa organización interna. Así mesmo, tamén se explicará a normativa aplicable a estes grupos e as obrigacións legais ante as diferentes administracións competentes na materia. Por último, tratarase o tema da convocatoria de axudas para a cooperación interterritorial e transnacional.
O segundo bloque teórico desenvolverase tamén o día 2, pero en horario de tarde. Esta sesión dará comezo afondando no financiamento dos programas de desenvolvemento rural: asignación inicial de fondos aos GDR, criterios de distribución, porcentaxes máximas de financiamento aos promotores e proxectos... A xornada rematará cun panel de experiencias no que os participantes falarán da xestión dun GDR e dun Programa Leader.
O terceiro e último bloque temático, que terá lugar o venres pola mañá, centrarase nos promotores das iniciativas e os procedementos a seguir para a presentación dun proxecto ao Leader, dando conta da documentación que é preciso presentar e os criterios e esixencias na presentación dun plano de empresa. O curso rematará coa celebración dunha mesa redonda na que se tratarán os novos enfoques e oportunidades no desenvolvemento de actividades económicas no medio rural.

Que é o Leader?

O Programa Leader Galicia 2007-2013 é un dos eixes do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 (PDR) que da resposta ás directrices estratéxicas comunitarias e nacionais neste plano. Os principais obxectivos desta política de desenvolvemento rural son o aumento da competitividade dos sectores agrario e forestal, a mellora do ambiente e a contorna rural e a mellora da calidade de vida e diversificación da actividade económica.
O Leader outorga á poboación local, constituída en Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), mediante axudas económicas, a capacidade de elaborar e aplicar unha estratexia de desenvolvemento de carácter multisectorial a partir do aproveitamento dos recursos endóxenos do propio territorio mediante a aplicación de enfoques innovadores.