DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola Facultade de Fisioterapia, terá lugar nos meses de marzo e abril

Un curso afonda nas posibilidades do pilates para o tratamento activo de múltiples patoloxías

Inserido nas actividades da Escola Aberta de Formación Permanente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 13/02/2023

As súas aplicacións no tratamento de múltiple tipo de patoloxías, como lumbalxias, cervicalxias, artrite, artrose ou osteoporose, e as posibilidades que achega á hora de promover que os pacientes xoguen un papel activo na súa recuperación fan do pilates unha ferramenta moi empregada polas e os profesionais da fisioterapia. Dar resposta ao interese de estudantes e titulados por ampliar os seus coñecementos respecto das posibilidades terapéuticas deste método de exercicio constitúe a principal motivación dun curso de 60 horas, promovido pola Facultade de Fisioterapia. Inserido nas actividades da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP), trátase dunha actividade que se desenvolverá nos meses de marzo e abril nas instalacións do Centro Impact Fitness, en Pontevedra.

“A demanda de profesionais da saúde formados en pilates segue presente”, sinala o fisioterapeuta Sebastián Jesús Aboal, responsable de impartir, xunto co profesor Gustavo Rodríguez, unha formación que mantén aberta a súa inscrición e que está aberta a un máximo de 14 participantes. “O método pilates é unha inmellorable porta de entrada para o inicio dunha fisioterapia activa por parte dos nosos pacientes”, engade Aboal, que pon o foco nas posibilidades que achega este método á hora de “iniciar un tratamento activo de forma ordenada e segura”, o que fixo do pilates “un gran método para o enfoque activo de moitas patoloxías, pero tamén de prevención e mantemento da saúde”.

Impartido por Rodríguez Fuentes e o fisioterapeuta e profesor asociado de Ciencias da Saúde Sebastián Jesús Aboal, o curso Pilates en mat para fisioterapeutas ten como obxectivo achegar aos asistentes os fundamentos de traballo en solo con este método aplicado ao eido clínico, así como coñecer os principais exercicios, básicos e avanzados, que poderían empregar para programar sesións de tratamento. 

Aberto a estudantado e titulados

A actividade desenvolverase entre o 25 de mazo e o 23 de abril, nas xornadas de sábado e domingo, e está aberta tanto a titulados e tituladas como a alumnado dos últimos dous cursos do Grao en Fisioterapia, aínda que no caso de que as inscricións superen o número de prazas, terán preferencia os primeiros. “Encántanos este formato, posto que permite compartir a experiencia dos titulados coas expectativas dos estudantes”, sinala Rodríguez Fuentes dunha formación recoñecida con 6 créditos ETCS, que é a súa vez unha adaptación do curso complementario que precedeu esta actividade e do que se levaron a cabo seis edicións.

De feito, o programa do curso mantén o “groso da formación” impartida nas edicións previas, ás que se engade “a elaboración dunha clase de pilates en solo e a análise dun caso clínico”, que permitirá a aplicación concreta, sinalan, “do visto e aprendido ao longo do curso”. Nese senso, a formación ábrese cun bloque de contidos teóricos dirixido a afondar na orixe e principios deste método e as precaucións e contraindicacións que os profesionais deben ter en conta na súa aplicación, para desenvolver a continuación un conxunto de módulos de carácter práctico, centrados nas bases biomecánicas e anatómicas do método e na realización de máis de 50 exercicios básicos, intermedios e avanzados de pilates en solo, xunto coas súas progresións e adaptacións. Nese senso, un dos aspectos nos que porá o foco esta formación, como salienta o seu director, é na necesidade de que a proposta de exercicios que se prescriban se adapte “sempre a cada paciente”, xa que “é moi importante encontrar o equilibrio entre a fisiopatoloxía da enfermidade e as capacidades propias" de cada persoa. Así mesmo, entre os contidos do curso figura tamén a realización de exercicios con material complementario e a preparación de sesións individuais e grupais.