DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade inclúe visitas ás plantas de Nostián, Sogama e Lousame

Un curso analiza a xestión do lixo na fronteira galego-portuguesa

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Jessica Fdez. DUVI 30/06/2011
Ao longo dun ano, unha soa persoa pode xerar centos de quilogramos de desfeitos urbanos e, a pesar de que cada vez existe un maior control lexislativo e unha maior concienciación da cidadanía cara o reciclaxe e a separación dos residuos, aínda queda moito por percorrer. No caso dos residuos xerados aos dous lados da fronteira galego-portuguesa, é necesario non só que exista un marco legal específico para o control e a acumulación de residuos, senón que tamén é preciso que ambos países aproximen posturas para tomar as medidas necesarias ao respecto. Tendo en conta que é un tema cunha gran demanda de mellora, estase celebrando o curso de verán A Xestión de residuos sólidos urbanos: panorama actual el Galicia e norte de Portugal.

Visitas a Nostián, Sogama e Lousame

O principal obxectivo deste curso céntrase en dotar ao alumnado do coñecemento básico relacionado coa xestión dos residuos sólidos urbanos xerados en Galicia e no Norte de Portugal, introducindo aos asistentes na actual normativa vixente, tanto a nivel europeo como nacional, autonómico e local. Como apunta un dos directores do curso, José Luís Legido, catedrático de Física Aplicada, “o tema principal do curso é o tratamento e a xestión de residuos sólidos urbanos en todos os ámbitos, xa que é un tema de actualidade que xera interese na comunidade universitaria. Estamos tratando aspectos que van dende a recollida do lixo, o seu tratamento e xestión ata a valorización dos desfeitos”.

Ademais, e a pesar de que o curso se celebra na Facultade de Ciencias do Mar, “estamos facendo visitas as plantas de Nostián, Sogama e Lousame, onde se clausurará a edición deste ano, co fin de que os participantes poidan ver o problema dende cerca”, recalca Legido.

Tarsy Carballas, entre o profesorado

O curso, dirixido por José Luis Legido xunto cos doutores e docentes Carlos Franjo e Benedicto Soto, remata este venres e conta con arredor de 30 participantes, “manténdose un número de alumnado semellante ás edicións anteriores”.

Os relatorios e visitas que compoñen este Curso de Extensión Universitaria corren a cargo dos directores do curso, de docentes na Universidade de Vigo coma Jorge Domínguez e de profesionais do sector coma Pedro Machado, director de Braval; Rosário Oliveira, da Universidade do Minho ou Susana López de Oliveira. Tamén se conta coa presenza de Tarsy Carballas, destacada experta en estado do solo de Galicia no CSIC e Medalla Castelao 2009.