DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os estudantes foron recibidos nos seus respectivos centros

O curso arranca en Ourense cheo de actividades

Entre os retos para 2012/2013 destaca a consolidación do Campus da Auga

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 03/09/2012

Inauguración de xornadas, actos de benvida en facultades, conferencia inaugural e presentacións nas aulas das materias. O curso académico comezou este luns con moita intensidade no campus de Ourense. O ano académico 2012/2013 preséntase cheo de retos para alumnos, docentes, investigadores e centros e todos están xa mans á obra. A consolidación da oferta de títulos existente e do proxecto do Campus da Auga e o desexo dos estudantes de facer un bo curso e gozar da vida universitaria son algunha desas aspiracións.

Retos colectivos

O día comezou coas respectivas inauguracións do XIII Encontro Inter-Bienal do Grupo Especializado de Termodinámica e do Ourense Conference on Imaging Mass Spectrometry, organizados por grupos de investigación ourensáns en diferentes lugares da cidade. Xa no campus, os máis madrugadores foron os alumnos de Historia, que foron recibido polo decanato do seu centro. Do mesmo xeito, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, seguindo a tradición dos últimos anos, quixo dar comezo ao curso cunha conferencia inaugural que nesta ocasión correu a cargo do xornalista especializado en Economía José Luis Gómez, que falou sobre casos de éxito de emprendedores en Galicia.

Deste xeito botou a andar un novo curso no que Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus de Ourense, salienta que se producirá a consolidación da oferta de graos e posgraos, xa que na maior parte dos centros impartirase este ano o cuarto curso de grao. A posta en marcha de novas instalacións, como a Escola Infantil, que prestará servizo tanto á comunidade universitaria como aos cidadáns de Ourense, ou a ampliación dos espazos do Edificio Xurídico-empresarial serán outros dos temas destacados para este 2012/2013. Como proxecto estrela, producirase, segundo explica Vaquero, "a consolidación do proxecto do Campus da Auga, que permitirá ao campus especializarse en todo o que rodea a auga desde unha perspectiva investigadora, de transferencia, docente e de internacionalización”.

Retos individuais

Alén destes proxectos comúns de futuro para o campus, cada alumno comezou este luns unha nova etapa persoal coas súas propias aspiracións e desexos. Deste xeito, Diana Palla e David Barros, estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, comezaban “con moitas ganas” o curso 2012/2013. É o seu último ano como universitarios e por iso o afrontan coa idea de aproveitalo ao máximo. Cos anos de experiencia que levan vividos, ao estudantes que se incorporan por primeira vez á Universidade de Vigo anímannos a “ir a clase e seguir a avaliación continua, pois aínda que pareza que non é o importante si o é”. Entre estes novos alumnos está Vanesa Gómez, que comeza os seus estudos no campus de Ourense recollendo este consello e desexando poder gozar do ambiente universitario canto antes.