DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase os días 11 e 12 de decembro no edificio Miralles

Un curso asesorará a profesorado e persoal investigador sobre a creación de empresas baseadas na investigación

A formación correrá a cargo do xestor e asesor empresarial Roberto Graña

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 24/11/2017

Incidir na análise do fenómeno da creación de empresas baseadas en resultados de investigación como alternativa de transferencia de tecnoloxía. Con este obxectivo a Área de Formación e Innovación Educativa e a Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación organizaron para o vindeiro mes de decembro un curso especializado na creación das denominadas spin-off, unha das principais vías empregadas na actualidade para facer chegar ao mercado os resultados de I+D+i. A cita será os días 11 e 12 de decembro no edificio Miralles e a formación correrá a cargo de Roberto Graña, xestor de innovación e asesor empresarial cunha longa traxectoria profesional, tanto en organismos públicos coma no sector privado.

De carácter presencial e oito horas de duración, o curso afondará nos principais factores de éxito para acadar a viabilidade técnica e económica dos proxectos, as cuestión legais que poden afectar á institución e ao propio profesorado e persoal investigador universitario, así como as potenciais fontes de financiamento. Entre as cuestións máis relevantes, o docente do curso fai fincapé en que un dos aspectos fundamentais é determinar cal é o momento máis idóneo para botar a andar a spin-off. “Cando un investigador decide comercializar os resultados de investigación a través da creación deste tipo de empresa son moitos os interrogantes que se abren ante esa decisión. Neste curso abordaremos as cuestións conceptuais, referentes sobre todo as vantaxes e inconvenientes da creación dunha spin-off, e tamén daremos claves para aprender a identificar o momento oportuno”, explica Roberto Graña, quen na actualidade exerce como responsable da plataforma de consultaría Exeo, onde se dedica ao asesoramento de proxectos empresariais xurdidos de centros de investigación, así como a procesos de investimento en capital-risco e business angels.

O 70% das persoas matriculadas pertencen ao ámbito tecnolóxico

Á identificación da oportunidade e á elección do momento idóneo únese un terceiro aspecto igual de importante: “o compromiso por parte dos promotores da iniciativa”, subliña Graña, quen recalca o feito de que esta implicación é tan relevante como a idea ou o coñecemento que se quere pór en valor. “Non é necesario deixar a carreira científica para montar unha spin-off, pero si establecer os mecanismos para que os investigadores estean sempre vinculados ao proxecto, xa que son o seu principal activo”, sinala o docente do curso, quen lembra que a Universidade de Vigo xa ten no mercado numerosos casos de éxito de spin-off universitarias, tales como Imatia ou Nanoimmunotech, “que puxeron en valor e visibilizaron a ciencia xurdida nesta institución en todo o mundo”.

De xeito paralelo, ao longo do programa do curso tentarán desterrarse falsos mitos que rodean a creación de empresas baseadas na investigación científica, como é a determinación das dimensións da spin-off. Neste senso, Graña explica que é “un dos factores claves xa que a súa viabilidade vai depender dun tamaño máis acorde co produto e o mercado ao que se dirixe”. Alén disto, haberá oportunidade tamén para que as persoas que asistan ao curso cunha idea empresarial en mente certifiquen a viabilidade do seu proxecto.

Se ben estaba previsto manter a matrícula aberta ata o vindeiro 4 de decembro, aos poucos días de abrirse o período de preinscrición xa se cubriron as 20 prazas que se ofertaban, quedando numerosas persoas interesadas en realizar o curso en lista de agarda. Matriculáronse, sobre todo, docentes e persoal investigador do ámbito tecnolóxico (arredor do 70% das persoas matriculadas) e tamén do científico (preto do 30% restante).

A actividade terá lugar na sala IV do edificio Miralles os días 11 e 12 de decembro, en horario de 10.00 a 14.00 horas.