DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de preinscrición xa está aberto

Un curso da Aula Tecnolóxica amosará as claves da creación de tipografías dixitais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 23/03/2009

Os nosos ollos tropezan con elas en innumerables ocasións ao longo do día e, sen embargo, a maioría das veces, pasan desapercibidas. Pero, a tipografía, lonxe de ser unha mera ferramenta é un dos campos máis apaixonantes do deseño que nas últimas décadas vive a súa adaptación aos contornos dixitais. Ese será o tema central do curso Deseño tipográfico: introdución á creación de tipografía dixital da Aula Tecnolóxica, para o que xa está aberto o prazo de preinscrición.
O curso estará integrado por unha parte práctica na que, como explica o profesor Marcos Dopico, “se debuxarán as letras manualmente para despois dixitalizalas e convertilas en arquivos aplicables a todas as plataformas”, pero tamén se atenderán a certas cuestións teóricas “que se aplicarán na creación da tipografía”. Dopico explica que, aínda que o curso é moi especializado porque “dentro do deseño gráfico a tipografía actúa autonomamente”, pode resultar moi interesante para alumnos de titulacións como Belas Artes ou Comunicación Audiovisual.
Entre os contidos que configuran o seminario está unha viaxe pola historia da tipografía moderna, o estudo das clasificacións tipográficas e o coñecemento das partes dunha letra, ademais dunha introdución ás diferentes metodoloxías de debuxo e os coñecementos básicos para o emprego de FontLab 5.0 como software de creación de tipografía.

Matrícula a partir do día 25

O curso desenvolverase ao longo de seis sesións de dúas horas de duración os días 31 de marzo e 2, 3, 14, 15 e 17 de abril, en horario de 19.00 a 21.00 horas. Hoxe e mañá pode realizarse a preinscrición e a partir do día 25 estará aberto o prazo de matrícula, que se pode realizar a través da Aula de Posgrao Virtual. A matrícula esixe o pago dunha taxa de 10 euros cuxo resgardo poderá enviarse vía email (campuspontevedra@uvigo.es) ou entregarse persoalmente na Casa das Campás.