DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con preto de 250 estudantes inscritos celebrarase o 9 e 10 de maio

O Curso Complementario de Comunicación e Protocolo acada un novo record de participación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 24/04/2012
233 estudantes xa se inscribiron para participar no XII Curso Complementario de Comunicación e Protocolo organizado pola Universidade de Vigo, a través da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, baixo a dirección do profesor Fernando Ramos. O curso que acada na súa decimo segunda edición un novo record de participación, contará coa participación de destacados expertos e estudosos das ciencias da comunicación no ámbito nacional, incluíndo ademais a celebración das Xornadas Internacionais de Comunicación Institucional e Imaxe Pública.

Nesta edición do curso o protocolo e a imaxe das institucións universitarias terán un papel destacado nun encontro sobre o que o seu organizador, Fernando Ramos, asegura que “o éxito está avalado polos 12 anos que se leva celebrando ininterrompidamente, ademais de por congregar ao maior número de alumnos do sistema universitario de Galicia”. 14 conferencias e debates da man dos principais expertos e profesionais da comunicación de España e do Norte de Portugal conforman un programa “cun marcado acento universitario en canto aos poñentes convidados”, sinala Ramos.

Temas e poñentes

A proxección pública das institucións universitarias centrará a conferencia inaugural de José Álvarez Marcos, profesor titular e director de Comunicación da Universidad de Sevilla. Na mesma liña, María Dolores Sánchez, coordinadora do Máster en Protocolo da UNED, afondará no cerimonial universitario e no seu tratamento na ensinanza superior.
Os beneficios que as novas tecnoloxías poden achegar ao protocolo tamén serán obxecto de debate. Dúas investigadoras da Universidade, Blanca Piñeiro e Marián Rodríguez, analizarán as últimas tendencias e ferramentas empregadas na organización de eventos, “pondo a tecnoloxía ao servizo da imaxe corporativa e do protocolo”. Por outra banda, o cerimonial abordarase dende a perspectiva da realización televisiva, “convertendo un acontecemento formal nun espazo de interese” da man do profesor Paulino Feijoo.

Nesta edición tamén participará Jordi Xifra, un dos referentes internacionais sobre a investigación en relacións públicas que afondará na xestión da imaxe oficial dende o poder. O protocolo do goberno autonómico, a xestión do cotiá por parte dunha pequena consultaría de relacións públicas, as celebracións dos bicentenarios de independencia das repúblicas de América, os eventos en hoteis, o tratamento da DO Rías Baixas e o protocolo militar completan a lista de temas de estudo do programa. María Teresa Otero Alvarado, presidenta da OICP, clausurará esta nova edición do curso coa conferencia A nova etapa da Organización Internacional de Cerimonial e Protocolo. Retos, desafíos, recursos e posibilidades de estender a cultura da excelencia.

Asistencia gratuíta

A actividade que se celebrará os días 9 e 10 de maio, conta co apoio da OICP, a Secretaría de Medios da Xunta de Galicia, a Asociación de Técnicos de Protocolo de Galicia, o Consello Social da Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra.
Retribuído con dous créditos para o alumnado participante, a asistencia ao curso é gratuíta e a matrícula pódese realizar electronicamente a través da plataforma Bubela.