DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase entre o 27 e o 30 de xuño no Edificio Fundición

Un curso formará aos futuros expertos en seguridade telemática

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Jessica Fdez. DUVI 23/06/2011
Internet, os teléfonos móbiles ou as tarxetas de crédito son só algúns dos instrumentos e servizos derivados dos avances tecnolóxicos e que xa forman parte das nosas rutinas, chegando a se converter en elementos case imprescindibles na nosa vida diaria. Pero, somos realmente conscientes dos riscos que conleva o seu uso? Son moitos os usuarios que descoñecen os seus deberes e dereitos neste campo, de aí que se desenvolveran instrumentos técnicos e xurídicos co fin de alcanzar a protección de datos e a privacidade desexada, á vez que naceron programas de formación de especialistas na disciplina.

Co fin de amosar as capacidades das solucións existentes no caso de verse implicado nalgún problema desta índole, organízase o curso de extensión universitaria Cara a seguridade telemática, en colaboración coa empresa Hermes Sistemas.

Un problema de actualidade

O curso pretende informar e facer consciente aos membros da comunidade universitaria de cales son os elementos menos seguros e advertir de potenciais problemas que poidan xurdir en torno á telemática, “facendo unha aproximación á normativa do sistema nacional de seguridade, á lexislación europea e á xestión realizada por diferentes empresas”, tal e como apunta José Luís Rivas, codirector do curso. “O obxectivo é dar a entender a seguridade telemática tanto dende a parte técnica como xurídica, aínda que a experiencia doutros anos deixa ver que a principal preocupación do alumnado é a seguridade na rede”.

Programa do curso

O curso, dirixido por José Enrique Ares Gómez, catedrático da Área de Enxeñaría de procesos e fabricación e codirixido por José Luís Rivas López, director do departamento de I+D+i en seguridade telemática da empresa Teaxul SA, terá lugar os días 27 e o 30 de xuño entre as 9.00 h e as 14.00 h na aula IPF do Edificio Fundición.

As conferencias correrán a cargo de expertos e profesioanis de relevancia como como Antonio Domínguez Groba, director de Desenvolvemento en Hermes Sistemas; José Parada, responsable de Seguridade Corporativa de Microsoft Ibérica; Eduardo Díaz Comellas, director de I+D de Ultreia; José Ángel Valderrama, xerente de Novas Tecnoloxías AENOR; Luís Alfonso Sestelo, xerente do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant; Íñigo C. Pintos e Victor A. Salgado, socios e cofundadores do bufete Pintos & Salgado; Ricard Martínez, responsable da área de Estudos da AGPG 2007-2010; Antonio Troncoso e Emilio Aced Pérez, director e subdirector de inspección de datos da APDCM ou Artemi Rallo, director da Axencia Española de Protección de Datos.