DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartirase o vindeiro curso cunha oferta inicial de 40 prazas

O curso ponte para obter o Grao en Administración e Dirección de Empresas recibe máis de 100 solicitudes

Unha comisión de avaliación decidirá os aspirantes admitidos en función do expediente académico

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Raquel Feijóo DUVI 08/07/2010

O curso ponte para obter o Grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE), que se comezará a impartir na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo a partir do vindeiro ano académico, recibiu máis de 100 solicitudes para cubrir as 40 prazas con que conta esta nova proposta formativa. Este curso está especialmente dirixido aos diplomados en Ciencias Empresariais que poderán obter o Grao en ADE en tan só un ano académico.

Os membros do equipo decanal do centro amosan a súa “gran satisfacción” pola boa acollida dos estudos por parte do alumnado. A decana, María Elisa Alén, explica que para o centro é unha moi boa nova. Nas súas palabras, “apostamos por estes estudos porque entendiamos que lle dabamos unha solución non só aos diplomados actuais, senón tamén aos de anteriores plans de estudos, de obter o Grao en ADE en tan só un curso académico”. Con todo a profesora Alén subliña o elevado número de solicitudes como a parte máis positiva da iniciativa, “xa que amosan a capacidade do noso centro para atraer a estudantes de toda Galicia e tamén doutras Comunidades Autónomas do país”, declara.

Reunión da Comisión de Avaliación

O luns, 12 de xullo, reunirase unha Comisión de Avaliación presidida pola decana María Elisa Alén e integrada polos profesores Antonio Molina e Ángel Barajas así como por outras dúas traballadoras da Secretaría de Alumnado –Elsa López e Carmen Arriba- que estudará todas as solicitudes recibidas e seleccionará aos estudantes en función da nota media do expediente académico. Con esa información elaborarán unha relación provisoria de persoas admitidas e excluídas que se fará pública o día 13 de xullo.

Explica a decana María Elisa Alén que o curso ponte para obter o Grao en ADE é unha titulación adaptada ao Espazo Europeo de Educación Superior con recoñecemento para poder traballar en calquera dos países da Unión Europea. A decana engade tamén que a realización destes estudos “permite presentarse ao nivel A nas oposicións públicas e tamén completar a formación coa realización posterior dun mestrado ou doutoramento”.

Os estudantes seleccionados deberán facer 60 créditos ECTS ao longo dun ano académico consistentes en sete materias cuadrimestrais e un traballo fin de grao. Entre as materias que o alumnado deberá superar están as de Econometría, Dirección de Operacións, Políticas Económicas e Teoría da Organización, entre outras.