DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os días 15 e 16 de novembro na Facultade de Educación

Un curso prepara aos profesores para a adaptación ao EEES

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 15/11/2007

Coñecer como se está a levar a cabo en Galicia a Adaptación ao Espazo Europeo da Educación Superior e, especialmente, na Universidade de Vigo é o principal obxectivo do curso de formación do profesorado que se está a levar a cabo no Edificio de Ferro este xoves e venres. Outros eixes prioritarios son tamén reflexionar sobre o camiño a seguir e contrastar experiencias con outras universidades da península.
A Facultade organizadora, a de Educación, pretende tamén dar a coñecer a súa experiencia no proceso piloto de implantación do Sistema Europeo de Transferencia de Créditos nas diferentes titulacións coas que conta, especialmente no caso de Educación Social.
O coordinador do curso, o decano Xosé Manuel Cid, incidiu na importancia do diálogo entre as partes implicadas para facer fronte ao cambio do mellor xeito posible. Remarcou tamén a presenza estes días de tres profesores invitados, dous portugueses e un de Castela “que remataron a súa estadía aquí hai un mes pero que tiveron a deferencia de vir para comentar como se están a implantar os novos graos e posgraos nas súas respectivas universidades”.

ACSUG

A inauguración das conferencias correu a cargo de Isabel Belmonte, técnica de programas da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, que analizou as novas titulacións en Galicia no novo EEES explicando os criterios e directrices europeos e o novo marco normativo que rexerá ao respecto, así coma as liñas xerais de implantación no Sistema Universitario Galego aprobadas o pasado 3 de novembro. Tivo tempo tamén para referirse á importancia das axencias de control de calidade de cara á acreditación dos títulos que dende ACSUG se fai en colaboración con outras entidades nos programas Docentia e Audit e de xeito autónomo en Fides. “ É necesario consolidar a cultura da calidade nas universidades e desenvolver procesos para que estas poidan demostrar a súa responsabilidade” comentou, e para concluír apuntou que a adaptación ao EEES verase facilitada grazas “aos programas encamiñados a garantir a calidade das institucións desenvolvidos dende as axencias e as universidades”.
O acto contou tamén coa presencia de Inmaculada Prieto, directora da Área de Adaptación ao Espazo Europeo, que analizou o proceso de implantación do EEES na Universidade de Vigo.