DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Pablo R. Bonorino afonda nunha publicación na importancia da discusión racional no eido p

O debate, o grande ausente na maioría das institucións

Critica a ausencia de diálogo “incluso nos actos que se anuncian como tal”

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 16/10/2012
Os debates, intercambios argumentativos orais entre suxeitos que defenden puntos de vista opostos sobre a verdade dun enunciado, constitúen o mecanismo que historicamente se empregou para decidir pacificamente cal das posicións en conflito debe ser aceptada. Son a ferramenta indispensable para resolver as diferenzas de opinión sen empregar a forza ou a intimidación e por este motivo son un dos piares da democracia. “A realidade agora é que o debate en sentido estrito é unha práctica ausente na maioría das nosas institucións, os órganos de deliberación non fan máis que un uso ornamental del. As decisións tómanse na sombra, en contactos cara a cara ou grupais, fóra dos supostos ámbitos de discusión onde se deberían defender as posicións en pugna”. Deste xeito resume Pablo Raúl Bonorino, profesor da Facultade de Dereito do campus de Ourense, a problemática actual que xira arredor da falta de diálogo en todos os eidos da sociedade e que lle levou a realizar a súa última publicación, que leva por título Argumentación en debates.

Segundo explica o docente, os órganos de decisións lexitiman mediante votacións as decisións que se adoptan -e cuxo apoio se solicita- fóra do ámbito do control intersubxectivo que podería garantir a realización dun debate. “As consecuencias son moi negativas. Nos corredores e despachos, cara a cara, os argumentos que non se poderían defender publicamente soen ser definitorios. Ataques persoais, apelacións á emoción e outras falacias que non resistirían a proba da discusión racional transfórmanse nas principais razóns polas que os membros da comunidade política adoptan decisións transcendentais", apunta. Isto explica en parte e na súa opinión, "a pobreza das nosas prácticas políticas en xeral”.

Nesta ausencia de diálogo real, Pablo Raúl Bonorino apunta que un exemplo moi significativo do estado do noso sistema democrático é “que incluso non se realizan debates naqueles actos que se promocionan como tales”. Nos debates electorais televisados, destaca, “non hai debate algún, só se intercalan monólogos persuasivos dirixidos á audiencia que, pasiva, debe recibir a mensaxe electoral dos candidatos”. Ante esta situación, o docente advirte de que “debemos formar ás novas xeracións para que non só esixan debates xenuínos en aqueles ámbitos nos que deberían ser o mecanismo de toma de decisións, senón tamén para que estean eles mesmos preparados para afrontar a discusión e o diálogo con éxito, tanto na súa vida persoal coma profesional”.

Un cambio desde a Universidade

Pesimista sobre a posibilidade de mudar esta práctica democrática a curto prazo, considera que é algo que como sociedade se debe empezar a construír e reconstruír, motivo polo cal decidiu abordar a realización do seu libro Argumentación en debates, dirixido en primeiro lugar aos estudantes de Dereito, porque son aqueles que se gañan a vida argumentado, pero tamén ao público xeral que desexe adestrarse na arte de debater para mellorar o diálogo coa súa contorna persoal e profesional. “De nada lle serve a un avogado coñecer as leis, decretos e sentencias se logo non é capaz de construír argumentacións efectivas con eles. Esta situación pódese trasladar a calquera ámbito da nosa vida”, subliña.

Profesor de Filosofía do Dereito, Pablo Raúl Bonorino leva máis de dez anos traballando no eido da lóxica e da argumentación e nesta liña de traballo nos últimos anos desenvolveu no campus de Ourense diversas iniciativas destinadas a fomentar o debate entre a comunidade universitaria e a sociedade ourensá en xeral, como foi a celebración de dous obradoiros de extensión cultural. “Gustaríame que este libro fose a pedra de toque para a organización dunha liga de debates na nosa Universidade que puidera permitirnos no futuro participar da liga estatal que se organiza todos os anos”, comenta por último. Sería, apunta, unha forma de contribuír a ter unha comunidade universitaria máis capacitada para debater e esixir debate das súas institucións e dos seus representantes.