DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na apertura do ciclo de conferencias do proxecto

Débora Iglesias: “O Campus do Mar é unha aposta visionaria para Vigo”

A galega dirixe un grupo de investigación do Centro Nacional de Oceanografía de Southampton

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 24/02/2011
A auga dos océanos acidifícase ou, o que é o mesmo, diminúe o seu PH debido en gran parte ao CO2 que os humanos emitimos á atmosfera e que acaba sendo absorbida polos mares e por todos aqueles organismos que viven nel. “O que aínda é unha incógnita é saber de que maneira a vida mariña se vai adaptar á taxa de acidificación máis elevada que a terra experimentou nos últimos 50 millóns de anos” subliñou a bióloga Débora Iglesias, no primeiro relatorio do ciclo de conferencias do Campus do Mar, unha cita mensual que botou hoxe a andar na Facultade de Ciencias do Mar e que achegará a visión de expertos mundiais en diferentes eidos das ciencias e as tecnoloxías mariñas.

Para inaugurar o ciclo que mellor ca unha viguesa líder dun dos grupos de investigación do Centro Nacional de Oceanografía de Southampton, ao sur de Inglaterra, e que hoxe está considerada unha das maiores expertas no proceso de acidificación dos océanos, tema no que centrou a súa intervención. Falando “do que sabemos e non sabemos”, ilustrou a alumnado e profesorado sobre o efecto en calcificadores e achegou algúns enfoques “interesantes” para avanzar o noso coñecemento sobre causas, efectos e mitigación deste fenómeno.

Segundo expuxo, a través dunha vídeoconferencia, a acidificación dos océanos pode ser orixinada por causas naturais ou por actividades humanas como é o caso do Antropoceno, o período de continuas e aceleradas emisións de CO2 durante os últimos 220 anos. “Durante este tempo os océanos foron absorbendo un terzo das emisións que producimos os humanos”, subliñou a doutora viguesa, ao tempo que fixo fincapé no papel fundamental que xogan os animais e plantas mariñas a través do que denominou “bomba biolóxica”.

Campus do Mar e Galicia

Respecto ao proxecto Campus do Mar, Iglesias non dubidou en referirse a el como “unha aposta visionaria para Vigo”, salientando o enorme potencial co que conta Galicia neste ámbito xa que combina a experiencia da universidade, as institucións de investigación e a propia industria. “Sen dúbida contribuirá a continuar o desenvolvemento da investigación mariña en Galicia e conectará científicos non só de Galicia e Portugal, senón tamén do resto do mundo”, subliñou desde Southampton.

Segundo a súa opinión, Galicia vive un momento único para “pór o seu selo no mapa mundial da ciencia e tecnoloxía mariña”, xa que se trata do único lugar cun pasado e un presente marítimo tan importante e situado xeograficamente nunha posición ideal para obter o maior potencial dos seus recursos, ao que engadiu que é un proxecto moi “atractivo” para calquera investigador interesado en ciencia relacionada cos océanos “e o que é moi importante, unha excelente ferramenta para reter o talento no noso territorio”.

Máis de 20 anos no exterior

Precisamente, respecto á ida e volta de talentos ou ‘cerebros’ Iglesias lembrou para o Duvi cando chegou ao Reino Unido cunha bolsa do British Council “con moita ilusión por coñecer novas formas de traballar e novas culturas” e despois foron saíndo proxectos e oportunidades en varios sitios no Reino Unido, Estados Unidos e Alemaña. “A investigación en Galicia era moi diferente á dinámica que observei nos últimos anos, pois a pesares da crise este é un gran momento no que se refire á visión, ideas e capital humano no ámbito da investigación galega”, subliñou.

En canto á súa experiencia de xa máis de vinte anos no exterior subliña que o máis positivo foi entender outras culturas e mergullarse noutras linguas, aprender a crear o seu “nicho” de investigación e aproveitar as oportunidades de realizar experimentos moi ambiciosos pero con potencial. “Aínda me sinto a persoa máis afortunada do mundo cando viaxo á Antártida, o Artico, as Illas Aleutianas e a outros lugares remotos que tiven a oportunidade de coñecer”, indicou, se ben “o menos positivo é vivir lonxe da miña familia e dos amigos de Galicia”.