DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo non puido co vixente campión da División de Honra pero dominou o primeiro tempo

O debut do Universidade Iveco, unha derrota que sabe a vitoria

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Jessica Fdez. DUVI 12/09/2011
Un campo en perfecto estado, un sol radiante e unha cálida temperatura mediterránea foron factores que acompañaron ao equipo de rugby Universidade de Vigo Iveco no seu debut na División de Honra. O cadro de xogadores dirixido por David Monreal e Norm Maxwell saíu ao campo sen amedrentarse e manténdolle o pulso a un duro rival, La Vila, vixente campión da máxima categoría de rugby. O primeiro tempo foi de dominio galego mentres que, tras o descanso, o equipo local saíu coas pilas ben recargadas, facendo un xogo con golpes ensaiados que deixaban ver a esencia dun equipo campión.

O partido disputado en Villajoyosa estivo moi igualado ata o minuto 16, cando o marcador cambiou tras un golpe acertado do equipo local. Tan só catro minutos despois, o equipo vigués empataba o partido gracias ao tanto do neocelandés Josh Hamilton, que pouco despois adiantaba o marcador con outro tanto, poñendo ao equipo vigués por diante cun 3 a 6.

Tras o descanso, o equipo anfitrión saíu con forza e non tardou en demostrar a súa calidade de campión. Durante os primeiros 10 minutos lograron darlle a volta ao marcador, pasando a dominar un partido que con anterioridade estaba moi disputado. A presión exercida por La Vila deixábase ver no seu xogo, a pesar de que no minuto 17 Hamilton volvía meter ao equipo no partido anotando tres puntos máis. Finalmente, o resultado final deixaba lonxe da vitoria ao equipo olívico, que non logrou remontar un 27-9 a favor do equipo local. Sen embargo, e a pesar de xogar o que se podería considerar partido máis complicado da tempada, equipo da cidade olívica deixou o listón moi alto.

Un adianto do inicio da tempada

A participación do equipo La Vila na competición europea Challenge Cup no momento en que tería lugar a oitava xornada da División, fixo que se tivera que disputar o partido correspondente esta fin de semana, adiantando o inicio da tempada da categoría máxima de rugby.

Mentres esperan ao próximo partido, o plantel continua co seu traballo ou estudos ata o adestramento do martes, no que prepararán o partido da próxima semana contra o equipo local de Ordizia.