DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A vicerreitora mantivo unha reunión co subdelegado de Defensa en Pontevedra, Miguel Cortés

Defensa busca ampliar as súas liñas de colaboración co campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 02/11/2022

Co obxectivo da afondar en posibles vías de colaboración, a vicerreitora do campus, Eva Lantarón, mantivo este mércores unha xuntanza co subdelegado de Defensa en Pontevedra, Miguel Constantino Cortés, na que participaron tamén o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, e a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, así como o xestor da Área de Recrutamento, César Barros. O obxectivo desta xuntanza, como sinalou Lantarón, era o de “ampliar horizontes” nas liñas de colaboración que a institución académica mantén tanto coa subdelegación, como coa Brigada Galicia VII-Brilat ou coa Escola Naval Militar.

Neste punto, tanto a vicerreitora como o subdelegado lembraron a colaboración que desde hai anos manteñen a institución académica e a Escola Naval, a través da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio e do Centro Universitario da Defensa (CUD), adscrito á Universidade de Vigo. Nese senso, o coronel Miguel Cortés lembrou que “o desenvolvemento de actividades conxuntas” entre o CUD e centros como a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación “é enorme”. Ao mesmo tempo, lembrou tamén a sinatura, o pasado mes de xuño, dun convenio marco entre a UVigo e a Brilat, que permitirá “afondar nesas vías de colaboración que xa viñamos mantendo”, de tal xeito que un dos propósitos desta xuntanza foi precisamente abordar posibles iniciativas que contribúan ao desenvolvemento deste convenio marco. Neste punto, Lantarón lembrou a relación que a Facultade de Fisioterapia mantén desde hai anos co Concurso de Patrullas da Brilat, á vez que destacou o interese deste acordo á hora de “abrir un campo moi interesante, como é a posibilidade que os nosos alumnos poidan realizar traballos de fin de grao en colaboración coa Brilat”. De feito, Cortés apuntou que xa traballan coa Escola Universitaria de Enfermaría na posibilidade tanto de organizar coloquios neste centro como de que os enfermeiros da brigada poidan exercer como cotitores en TFG do alumnado da escola.