DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Satisfacción na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo pola excelente acollida destes estudos

A demanda do curso ponte para obter o Grao en ADE duplica as prazas

Entre as solicitudes destaca a puxante presenza de estudantes de fóra de Galicia

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 22/07/2011
Captar alumnado de fóra da contorna xeográfica e deseñar estudos que dean resposta ás necesidades formativas da sociedade son obxectivos presentes na xestión de calquera centro universitario. Por ese motivo, cando se acada que a demanda dun estudo duplique á oferta de prazas e nesa demanda hai unha destaca presenza de solicitudes de fóra da provincia a satisfacción é moi alta. É o caso da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, que recibiu 140 solicitudes para cubrir as 70 prazas do curso ponte que ofrece para obter o Grao en Administración e Dirección de Empresas ADE.

Segundo explica Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, o curso ponte comezouse a impartir durante o curso 2009/2010 e está especialmente dirixido a que diplomados en Ciencias Empresariais poidan obter o Grao en ADE en tan só un ano académico. “A resposta o primeiro ano que o impartimos foi moi boa, con 70 solicitudes para 40 prazas, pero este ano superou todas as nosas expectativas. Ante a demanda existente o curso pasado incrementamos a 70 as prazas ofertadas este ano pero quedáronse curtas pois recibimos 140 solicitudes”, explica Alén.

De Salamanca a Alacante

Ademais desta resposta cuantitativa, o equipo decanal do centro está especialmente satisfeito porque este ano se incrementaron notablemente as solicitudes procedentes de fóra da provincia de Ourense e de fóra de Galicia, conseguindo atraer a atención de diplomados de La Rioja, Salamanca, Valladolid, Alacante ou País Vasco, entre outros. “Esta resposta é para nós un motivo de orgullo e unha mostra da crecente capacidade do noso centro para atraer a estudantes de toda Galicia e tamén doutras comunidades autónomas”, salienta a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

Os 70 estudantes que a Comisión de Avaliación seleccione para realizar estes estudos en Ourense cursarán unha titulación adaptada ao Espazo Europeo de Educación Superior e con recoñecemento para poder traballar en calquera dos países da Unión Europea, para presentarse ao nivel A nas oposicións e para realizar un mestrado ou doutoramento. As persoas matriculadas deberán facer 60 créditos ECTS ao longo dun ano académico repartidos en sete materias cuadrimestrais, como son Econometría, Dirección de Operacións, Políticas Económicas e Teoría da Organización, e un traballo fin de grao.