DUVI

Diario da Universidade de Vigo

16 alumnos e alumnas do grao en Comunicación Audiovisual participan na terceira edición do Can Campu

Dende a facultade ao estrelato pasando polo Festival de Cans

Colaboraron na gravación dos videoclips de dous temas musicais dos grupos Terbutalina e Os Vacaloura

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 15/05/2013

“Luces, cámara, acción!”. Sen dúbida estas puideron ser as verbas máis escoitadas polos veciños e veciñas da parroquia porriñesa de Cans o pasado 14 de abril. Nesta data 16 alumnos e alumnas do grao en Comunicación Audiovisual trasladaronse ata o lugar para participar na gravación de dous videoclips musicais de dous grupos galegos emerxentes: Terbutalina e Os Vacalouras. Este proxecto didáctico enmárcase no programa Can Campus, promovido conxuntamente polo Festival de Cans e a Universidade de Vigo a través da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Tanto para o certame como para a propia Universidade, este é un espazo de creación único no seu eido onde se aposta pola formación dos futuros profesionais do sector audiovisual galego.

Dividido en dous grupos de traballo, o alumnado pertencente a diferentes cursos do grao en Comunicación Audiovisual desenvolveu as tarefas propias de produción e posprodución contando co apoio, a nivel académico, do profesor da facultade Oswaldo García e, dende o eido profesional, coa colaboración dos realizadores Juan Lesta e Belén Montero. Haberá que agardar ata o vindeiro 24 de maio para coñecer de primeira man o resultado deste traballo, data a partires da que as dúas pezas audiovisuais estarán colgadas en You Tube. A maiores, está previsto que canle V Televisión realice sendas reportaxes sobre redor do Festival de Cans nas que se incluirá a emisión destes dous videoclips.

Unha praia improvisada

Para os integrantes do grupo de traballo encargado de realizar o videoclip da canción Fai Sol do grupo Terbutalina esta non era a súa primeira vez. Polo menos non para algúns destes rapaces e rapazas que xa participaron o ano pasado na segunda edición do Can Campus co vídeo musical Quero ver como te ris do grupo de rock galego Medomedá. Nesta ocasión, o seu reto foi recrear unha praia no medio dunha das leiras e conseguir que os veciños e veciñas da parroquia se involucrasen de cheo na gravación.

Na historia que dá soporte visual á letra da canción, os compoñentes do grupo punk Terbutalina chegan á parroquia na procura dunha praia onde pasalo día. Nada máis pisar Cans descobren que os veciños do lugar teñen montada unha praia improvisada no medio das súas fincas polo que o divertimento está asegurado. Unha das integrantes do grupo de traballo, Carmen Rey, destaca que o equipo “intentou evitar as comparacións incómodas” mudando a idea orixinal ao saber da existencia doutro vídeo musical anterior de temática similar. A pesares de que os vídeos do proxecto Can Campus non entran a concurso, estes estudantes agradecen a posibilidade de que a súa peza audiovisual sexa visionada polos veciños e veciñas da parroquia e o resto de asistentes ao Festival de Cans como único xurado.

A crise, nun segundo plano

Chegou o momento da presentación do último tema do grupo de rock Os Vacalouras titulado A desbrozadora. Todo está listo para o que parece será unha presentación ao uso pero, ao comezar a proxección do que se supón é o seu videoclip, todo muda e os compoñentes do grupo revolucionan a parroquia de Cans. Os chimpíns do lugar son o escenario elixido polo segundo grupo de traballo da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación que participa no Can Campus para que a banda toque a súa canción mentres, ao lonxe, se pode escoitar o son do motor dunha desbrozadora. “A mensaxe é clara. É hora de pasalo ben. Debemos revelarnos contra a monotonía da crise na que estamos inmersos”, comenta a alumna Anxos Fazáns. “Os nosos referentes son moi claros: os videoclips dos primeiros anos do Xabarín Club e a cultura audiovisual da década 1990. Con todo, tamén se teñen referentes da psicodelia da década de 1970 e ao estilo roqueiro da de 1980”, asegura.

Traballando coma profesionais do sector

“O lugar e as funcións de cada quen estiveron moi ben definidas dende o comezo. A produtora encargábase de organizar e coordinar ao grupo. A directora xestionaba a parte máis creativa do traballo en colaboración coa axudante de dirección e os demais compañeiros e compañeiras achegaban ideas e participaban activamente nas tarefas de rodaxe e posprodución.”, explica Carmen Rey, membro dun dos grupo de traballo. “Participar neste proxecto garántenos de antemán a difusión do noso traballo en calidade de alumnos e alumnas. A isto debemos sumarlle a experiencia que adquirimos de cara ao mundo laboral ao rodar de xeito semiprofesional nun entorno coma este”, conclúe a alumna.