DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Purificación García, deseñadora de moda:

“Dentro de pouco Esdemga estará á altura das mellores escolas de Amberes e Londres”

A marca colabora coa escola no 'Proxecto Novel 12', baseado no deseño dun bolso polos alumnos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 25/11/2011

Unhas horas despois de celebrarse o Desfile Debut 2011, a deseñadora Purificación García mantivo un encontro cos alumnos e alumnas de Esdemga (Estudos de Deseño Téxtil e Moda de Galicia) participantes do Proxecto Novel 12, no que colaboran estreitamente a firma e a escola. Trátase dunha iniciativa para que o estudantado do centro se achegue á realidade comercial do sector a través do deseño dun bolso que se distribuirá nas tendas de Purificación García. A deseñadora tivo un minutos para facer balance do desfile de onte e para explicar cales son os retos aos que se enfrontan as novas promesas que abandonan a escola para embarcarse na vida real do deseño e da moda.

Transcorridas unhas horas da celebración do Desfile Debut 2011, que balance fai do mesmo?
En primeiro termo quero destacar que a organización foi fantástica por parte de Esdemga, grazas en parte ao traballo de Lola Dopico, unha persoa moi esixente pero á vez moi próxima aos novos deseñadores. No que respecta ás coleccións, en xeral houbo un pouco de todo, cuns deseñadores que probablemente o longo prazo se inclinen máis pola publicidade ou deseño gráfico. Especialmente quero destacar a sensibilidade do gañador, David Del Río, pois cando vin a súa colección desfilar souben que tiña que ser o vencedor da noite. Os seus deseños eran os máis creativos, os máis artesanais, notábase o coñecemento e o coidado na colocación dos bordados, algo moi difícil, e destacaba ademais o seu fondo de tapicería, que me pareceu moi innovador. Penso que estamos ante un desfile que vai sempre a máis, pois levo seguíndoo durante dúas temporadas e realmente como empresa privada estamos apostando por eles, collendo a responsabilidade de que estes novos deseñadores cheguen a un bo fin.

Cal é a finalidade do Proxecto Novel 12 no que colaboran estreitamente Esdemga e Purificación García?
Con Novel 12 queremos achegar ao novo deseñador á dura realidade do mercado neste momento. Teño a impresión de que falta moitísimo adestramento nas escolas, pois sempre se dirixiron soamente cara o deseño. Creo que é imprescindible que o estudantado entre e participe no proceso de produción e de fabricación, que estea dentro da cociña para ter unha visión máis aberta da relación entre industria e deseño. Un modisto, por moi creativo que sexa, ten que ter en conta a parte empresarial, ou polo menos achegarse ao que se quere nas tendas. Desta vez escolleuse para a colaboración que os alumnos deseñasen unha proposta para un bolso estilo californiano, porque os complementos permiten un maior desenvolvemento creativo do artista. Resultou gañador o alumno Rodrigo Pintos, xa que era o que se achegaba máis á filosofía de Purificación García e serán para el os beneficios que se consigan co seu bolso.

Hai posibilidade de que Purificación García e Esdemga manteñan estas colaboracións?
Totalmente. Dende a marca sempre que nos embarcamos nun proxecto facémolo cunha responsabilidade a longo prazo. Non somos realmente quen de deixar unha colaboración a medias, debe haber unha continuidade, e temos que ser consecuentes con nós mesmos, algo que nos caracteriza dende os inicios. Por outra banda entendémonos moi ben coa escola, polo que esta relación vai ir en aumento.

Como deseñadora e experta en moda, como define e valora a Esdemga?
Eu creo firmemente que pouco a pouco pode estar á altura das mellores escolas de moda de Amberes e Londres. Cada vez se vai achegando máis a ese nivel, pero debe contar cun apoio moral pero tamén financeiro, fundamental para poder levar este proxecto adiante. Sinceramente, o que me atrae de Esdemga é o seu empeño por formar aos seus alumnos non soamente na parte creativa, máis sensible, senón que ten en conta o fondo empresarial da moda, cunha orientación próxima ao desenvolvemento industrial, ás tendas e ao consumidor.

Purificación García tamén participa nas entrevistas profesionais para captar novo talento de Esdemga. Que aptitudes debe ter un deseñador para que entre a formar parte da marca?
Evidentemente deberá ter un importante potencial creativo, cuestión imprescindible, pero ten que ser tamén unha persoa que se adapte á filosofía e ao equipo da empresa, humilde, cunha grande entrega e espírito de traballo, ademais de ilusión, paixón e con capacidade de enfrontarse aos fracasos para que sexa sinxelo erguerse e comezar de novo.

Como valora que moitos deseñadores novos se embarquen no reto de crear a súa marca propia?
Penso que o deseñador como tal tarda un pouco en definirse, polo que é bo deixar o ego aparte e continuar estudando e facer antes un percorrido por diferentes empresas e pasar por todos os procesos de produción para logo si poder crear a súa propia.

Que opinión lle merecen as grandes cadeas de roupa?
As grandes cadeas de produción de roupa axudaron moitísimo a que o deseñador fose moito máis competitivo e observase todo o que había arredor seu. Máis aló desas multinacionais, existe algo máis creativo, máis selectivo, máis coidado, e penso que, por sorte, está habendo un retorno por parte do cliente a esta filosofía, que aprecia máis que nunca que a prenda sexa única e diferente. Pode que na actualidade haxa unha mestura dunha parte coa outra, que busca un equilibrio entre calidade e deseño.

Cara onde cre que camiña o futuro da moda en Galicia?
Visto o de onte e en edicións pasadas, teño a seguridade de que a moda en Galicia, sen falar das grandes cadeas, pode chegar a ser moi creativa, formando a deseñadores que poden ser referentes nun futuro.