DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Merlinda Bobis continúa co ciclo de conferencias do Campus do Mar

A dependencia do mar une a Vigo coa cidade australiana de Wollongong

A artista presentou a investigación sobre escritura creativa que desenvolve coa docente viguesa Belé

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 19/09/2011

Máis de 16000 quilómetros separan Vigo de Wollongong, unha cidade situada na rexión australiana de Illawarra, sen embargo, son moitas cousas as que as unen: son localidades costeiras, rexionais e multiculturais. Iso foi o que explicou a profesora Merlinda Bobis durante un novo relatorio do ciclo de conferencias do Campus do Mar, que nesta ocasión acolleu a charla titulada Transnational Story-making and dreaming latitude no que a tamén escritora e artista presentou algúns dos resultados do proxecto de investigación transnacional de escritura creativa que está a desenvolver coa profesora do departamento de Filoloxía Inglesa da Universidade de Vigo Belén Martín-Lucas, que exerceu de mestra de cerimonias. “Ambas cidades están ao carón do mar cunha montaña ao lado, teñen moita dependencia dos recursos mariños e son localidades que reciben xentes de diversos países e zonas, o que as fai moito máis abertas. Cando a profesora Martín-Lucas me propuxo este proxecto non o dubidei”, recoñece Bobis, profesora titular de Escritura Creativa na Universidade de Wollongong e autora de novelas, relatos, poesía e teatro.

Retransmitida en directo a través do CampusdoMar TV e celebrada no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, Merlinda Bobis relatou como un equipo de escritores en Wollongong e outro en Vigo están a analizar a achega colaborativa como alternativa á rivalidade, que produce una excesiva preocupación sobre a diferenza e as negociacións sobre as fronteiras. Ademais, a través dunha metodoloxía de investigación dialóxica entre as artes creativas e a investigación académica, o proxecto no que colaboran ambas universidades explora a historia alternativa dun transnacionalismo dende a rexión.

Dispostos a subirse ao barco

Preguntada polo Campus do Mar, a profesora Bobis salientou que se trata “dun proxecto fantástico e moi innovador. Trátase do primeiro campus do ámbito mariño que coñezo. Estou segura de que en canto se dea a coñecer este Campus de Excelencia en universidades como a miña serán moitos grupos os que se queiran unir ao proxecto”.

A vindeira conferencia, en outubro

Merlinda Bobis, autora de orixe filipino inmigrante en Australia, compaxina o seu traballo na ensinanza coa investigación do imaxinario transnacional e as estratexias de localización do global na produción cultural. Ao longo da súa carreira ten recibido numerosos premios, como o Prix Italia de ficción radiofónica, o Premio Nacional de Literatura de Filipinas ou o Steele Rud á mellor colección de relatos de Australia, por onde leva anos xirando a súa obra dramática xunto con países como Filipinas, España, Francia, China, Tailandia e Eslovaquia. Agora o ciclo de conferencias do Campus do Mar continuará o vindeiro mes de outubro