DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con motivo da celebración do "I Seminario de Práctica Xudicial"

As dependencias xudiciais de Ourense énchense de alumnos de Dereito

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 22/11/2007

A Audiencia Provincial de Ourense encheuse este mércores de alumnos da Facultade de Dereito con motivo da inauguración do I Seminario de Práctica Xudicial que se vai desenvolver durante todo o curso nas súas dependencias. Os asistentes poderán presenciar xuízos, comparecencias, charlas explicativas e participar doutras actividades propias do funcionamento da administración de xustiza. O obxectivo é reforzar a formación académica da Facultade ofrecendo prácticas reais para todos os alumnos e nel participarán máis de 50 estudantes.
Iago Fariñas, director do seminario e vicedecano de Alumnos e Actividades Culturais, comentou que “a formación é máis que ir a clase, hai que saír fóra e ver como é a práctica diaria. Ningún alumno poderá dicir que non tivo esa oportunidade”. Fariñas resaltou a importancia dun ensino integral e tamén a relevancia que esta oportunidade supón para os alumnos dos últimos cursos, que coñecendo dende dentro o funcionamento xudicial, poderán decantarse por unha saída profesional determinada.

O acto inaugural

Á inauguración do seminario acudiron destacados letrados de Ourense coma Antonio Piña, xuíz decano, Florentino Delgado, fiscal xefe da Audiencia Provincial, Carlos Valenzuela, fiscal da Audiencia Provincial, José Luís Roig, secretario xudicial do xulgado do social nº 3, Josefina Diaz, secretaria xudicial do xulgado de instrucción nº 2, Inés Iglesias Canle, decana da Facultade de Dereito e Iago Fariñas, vicedecano de Estudiantes e Actividades Culturais da facultade de Dereito. Os organizadores agradeceron a súa participación así coma a colaboración dos distintos estamentos da administración da xustiza en Ourense.
No acto entregáronse tamén os diplomas acreditativos aos alumnos que o curso pasado participaron en prácticas xudiciais nas mesmas dependencias. Precisamente o seminario nace tralo seu éxito, e ten vocación de continuidade así coma de ampliación a outro tipo de actividades dependendo da implicación dos asistentes, coma a celebración de xuízos simulados ou outras iniciativas que respondan ás necesidades dos alumnos.
Con todo isto facultade de Dereito pretende consolidarse como un referente a nivel estatal pola calidade da súa formación xurídica tanto académica coma extraacadémica e o personalizado grao de atención aos estudantes.