O equipo de loitas olímpicas conseguiu a medalla de prata
Deportistas da UVigo acadan sete medallas nos CEU de loitas olímpicas, halterofilia e atletismo
A Universidade de Vigo estreouse no CEU de Halterofilia con dous deportistas
As e os deportistas da Universidade de Vigo seguen a sumar medallas nos Campionatos de España Universitarios. Desta volta foron sete (tres pratas e tres bronces individuais e unha prata por equipos) os metais acadados pola UVigo nos CEU de loitas olímpicas, halterofilia e atletismo, celebrados en Murcia, Salamanca e León, respectivamente.
En loitas olímpicas, Saúl Bello e Manuel González gañaron cadansúa medalla de prata en -80kg e -62kg, respectivamente, mentres Cayetana González e Iván González lograron o bronce en -57kg e en -9okg, respectivamente. Así mesmo, a UVigo na clasificación por equipos acadou a medalla de prata, na competición que gañou a Universidad de Murcia.
Mentres, en León, disputouse o CEU de atletismo no que por segunda vez consecutiva Jacobo Soler repetía medalla de bronce na proba de 400 metros lisos. Pola súa banda, o equipo da Uvigo, integrado por 13 deportistas, que a lograron moi bos resultados, non foi quen de subir ao podio na competición, que este ano acadou un récord de participación cun total de 636 atletas e de altísimo nivel, como o campión do mundo Mariano García (800 ml) ou a lanzadora internacional Belén Toimil, entre outros.
Debut no CEU de halterofilia cunha medalla de prata
Os CEU disputados a fin de semana tamén deixaron o debut do equipo de halterofilia da UVigo, que por vez primeira na súa historia estreouse nesta modalidade cun equipo formado por Javier Cancelas e Lucía Aguayo. No campionato celebrado no pavillón Unamuno de Salamanca Javier Cancelas conseguiu a medalla de prata na categoría -81kg.