DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aulas baleiras e manifestación, marcaron a xornada de paro

Dereito foi a excepción nunha xornada de parálise no campus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Marta Casanova DUVI 31/10/2007

Mobilizacións e aulas baleiras marcaron a xornada de folga convocada para este mércores polos CAEF en contra da subida das taxas académicas. O respaldo á convocatoria foi masivo nos tres campus da Universidade de Vigo, segundo a valoración dos representantes do Comités Abertos de Escola e Facultade. A presenza dos estudantes nos centros foi moi reducida, con excepción das bibliotecas e algúns centros como a Facultade de Dereito no campus de Ourense.
O obxectivo desta folga, convocada nas tres universidades galegas, é denunciar a subidas das taxas de matrícula aprobada pola Xunta, que para os CAEF “é excesiva xa que está 2 puntos por riba do IPC galego”.

Paro xeneralizado coa excepción de Dereito

O campus de Ourense non se quedou atrás nesta convocatoria, feito que se puido constatar co aspecto baleiro que mostraban aulas, cafeterías e arredores das facultades, a excepción da de Dereito onde a presenza de alumnos foi bastante importante. Os poucos estudantes que deambulaban polo campus comentaban que non ían a clase e aseguraban que só acudían para observar o ambiente e falar cos profesores. Por unha vez, semella que a xornada de folga non foi unha escusa para gozar dun día sen docencia, pois os estudantes consultados estaban ó tanto do motivo da protesta e mostrábanse unánimes á hora de afirmar que “é unha inxustiza que cada ano paguemos máis por unha ensinanza pública, non se pode permitir”, tal como argumentaba unha alumna de Informática en nome do seu grupo.
Membros dos CAEF percorrían os edificios armados con megáfonos e bandeiras, tratando de convencer aos docentes para que non impartisen as súas materias e citando aos alumnos para a manifestación que se celebrou a mediodía. Sobre a actitude dos profesores os responsables dos Comités aseguraron que “a maioría respectan o noso dereito á folga e entenden os motivos, e aínda que teñen a obriga de dar clase non van pasar lista e os contidos serán máis lixeiros do normal” .

As reivindicacións dos CAEF

As subidas das taxas nos últimos 5 anos tradúcese nun aumento medio de 120 euros no importe total da matrícula. Segundo os CAEF, este datos demostran que o aumento ano tras ano si se nota no incremento da contía global. A subida das taxas académicas para o vindeiro curso anunciada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria tradúcese nun incremento dos prezos que dobra o IPC galego. Segundo o sindicato estudantil estas subidas veñen sucedéndose nos últimos seis anos, toda a lexislatura pasada ou a metade desta.
Outra das reivindicacións dos CAEF refírese á falta de control que o goberno galego ten sobre as bolsas que eximen de pagar as taxas, xa que estas dependen directamente do Ministerio de Educación.
Por outra banda, o incremento das segundas ou terceiras matrículas tamén é outra das denuncias dos estudantes, posto que a segunda é un 15% máis cara que a primeira, pero a terceira xa se eleva nun 35%..