DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun traballo titulado “Supersolitones: unha nova forma de transmitir información entre átomos”

Un descubrimento dos investigadores David Novoa e Humberto Michinel, portada da revista de física máis prestixiosa do mundo

O artigo aparece no último número da Physical Review Letters

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Marta Casanova DUVI 10/10/2008

Os investigadores David Novoa e Humberto Michinel, da Universidade de Vigo, xunto cos seus compañeiros Víctor Manuel Pérez, da Universidade de Castilla-La Mancha e Boris Malomed, da Tel-Aviv University israelí, ocupan a portada do último número da revista de física máis prestixiosa do mundo, a Physical Review Letters, cun recente descubrimento. Supersolitones: unha nova forma de transmitir información, é o título do traballo que mereceu tan relevante recoñecemento e nel se explica como da onda de choque entre solitones atómicos xurde un novo tipo de solitón: un supersolitón, que non sofre dispersión e que se transmite dun átomo a outro sen cambiar de forma.
“O interesante do descubrimento”, afirma Michinel, “é que abre a posibilidade de comunicar átomos entre si de xeito totalmente eficiente e forte, a través de canles clásicas, pese á natureza intrinsecamente cuántica dos sistemas atómicos". Os solitones ópticos, son ondas de luz láser que a certas intensidades compórtanse como partículas robustas “que poden viaxar sen cambiar a súa forma ao longo de miles de quilómetros de fibra óptica” explicou. Descubertos experimentalmente nos anos oitenta, supuxeron unha revolución no eido das telecomunicacións e no artigo que vén de ser portada da Physical Review Letters, os investigadores españois acaban de demostrar que tamén é posible transmitir pulsos de información que non sofren distorsión ao longo de cadeas de átomos ultrafríos grazas aos supersolitones. Os supersolitones "son ondas similares ao son emitido por unha cadea de bolas feitas de átomos” que, segundo Michinel, “a unha temperatura moi baixa, medida en nanokelivis, forman o estado da materia máis puro que existe, coñecido como condensado de Bose-Einstein”.

Os supersolitones como informadores dos átomos

Nun condensado de Bose-Einstein os átomos perden a súa identidade individual e confúndense nunha única nube que forma un superátomo, o que pode ser observado directamente cunha cámara de vídeo. Esta nube de átomos pódese manipular con láseres de xeito moi preciso e, baixo certas condicións, “pode formar unha cadea de bolas de átomos similar a un colar de perlas estendidas nunha dimensión” explicou o investigador. Cada unha das bolas atómicas, de tamaño nanométrico, forma un solitón atómico –estado descuberto en 1998 por dous dos autores do traballo: V.M. Pérez e H. Michinel - que pode chocar co seu veciño. Esa onda de choque “desprázase sobre a cadea de átomos de forma similar a como se forma unha ola de xente nun estadio de fútbol” exemplificou. Así, a onda de choque entre solitones atómicos dá lugar a un novo tipo de solitón: un supersolitón, que non sofre dispersión e que se transmite dun átomo a outro sen cambiar de forma. Deste xeito, “os átomos poden transmitirse información de modo forte, a pesar da natureza cuántica dos seus sistemas” concluíu.
Grazas a este descubrimento, o grupo de investigadores ocupa a primeira plana do número do 3 de outubro da Physical Review Letters, editada polo American Institute of Physics. “Xa que o criterio de selección para a portada é o artigo de maior impacto e novidade, isto supón unha inxección extra de prestixio para nós como autores”, finalizou Humberto Michinel.