DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves inaugurouse o mural creado pola estudante de Belas Artes Laura Antelo

Un deseño fractal enche de luz a Escola de Enxeñería de Telecomunicación

Foi unha colaboración de ambos centros para humanizar os espazos comúns da escola viguesa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 07/06/2018

Como recoñecía o director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, o espazo central do edificio era un lugar amplo e luminoso, pero moi frío. De aí a necesidade de humanizalo, de facelo habitable para que se convertese nun punto de encontro e lecer para estudantes, docentes e persoal do centro. Do que o director define como “unha necesidade” xurdiu a colaboración coa Facultade de Belas Artes para buscar un deseño acaído para cambiar a faciana deste espazo. Finalmente, a proposta elixida foi a de Laura Antelo, unha obra mural titulada Luz Fractal, que “parte do interese pola organización das estruturas internas da natureza, aparentemente caótica”. Trátase, como explica a súa autora, “dun feixe de luz que debido á refracción percorre o espazo cunha traxectoria xeométrica” e que pretende transmitir “movemento, velocidade, avances e cambios que están a transformar vertixinosamente a comunicación global”.

A intervención, que se acompaña tamén pola adecuación do espazo que a rodea con mesas, cadeiras e coxíns, foi inaugurada este xoves polo reitor en funcións da Universidade, Salustiano Mato, o director da EE de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas e a decana de Belas Artes, Silvia García, que acompañaron á artista no descubrimento da placa conmemorativa. Os responsables institucionais coincidiron en remarcar a importancia deste tipo de colaboracións entre centros, ámbitos e campus diferentes que son froito, segundo Mato, “da cooperación intelixente coa que facemos máis Universidade”. O reitor reivindicou o papel que ten a humanización de espazos como expresión creativa do alumando de Belas Artes, “é unha función dinamizadora da transferencia do seu coñecemento á sociedade, é un camiño que comezamos cos hospitais e que se ten que estender dunha forma clara”.

A necesidade dun espazo habitable

O director da EET explicaba que “para nós era unha necesidade” mudar esta espazo, “facer del un lugar cómodo para estar e para ver” reducindo o impacto dun “muro enorme e branco que reflectía a luz pero dun xeito pouco hospitalario”, pasando ao fin, de ser “unha cova con luz a un espazo aberto, habitable e cun valor artístico”. Para facer real este cambio puxeron en marcha unha colaboración coa Facultade de Belas Artes da man da profesora Almudena Fernández e da vicedecana Susana Cendán. O xeito de artellalo foi a materia Proxectos de debuxo e pintura, na que os 60 estudantes tiveron que presentar cadansúa proposta para intervir este espazo. Entre estes proxectos resultou elixido o deseño de Laura Antelo, que ademais se converterá no seu traballo fin de grao.

Antelo agradeceu a todos os implicados o ter sacado adiante esta iniciativa que permite ás escolas e facultades colaborar entre elas. Explicou que comezou a darlle forma ao seu deseño cando “vin o lugar por primeira vez e me chamou a atención tanto a cantidade de luz que entraba como o saturado que estaba o espazo, con macetas, carteis, etc.”. Por este motivo apostou por centrar o seu proxecto na luz  e nas cores frías, “que non sobrecargasen máis o espazo para que non resultase aburrido para a xente que está aquí todos os días”. Para concretar o deseño achegouse ao campo da telecomunicación e “investigando decateime de que moitas veces nas enxeñarías se procura buscar estruturas da natureza para chegar a novas ideas como é o caso da estruturas fractais”, eixo central do mural.

Cuiñas e García, os dous responsables dos centros, tamén remarcaron a importancia que este tipo de colaboracións supoñen para o alumnado, e por iso se apostou por que fosen os propios estudantes da Universidade os que se encargasen do proxecto. “Estas son as oportunidades que os nosos estudantes deben aproveitar para ter un encargo profesional, xa non é unha simulación, teñen que saír do espazo académico para lidar coa contorna e co proceso, que inclúe, por exemplo, andamios ou as normativas de seguridade”, recoñecía Silvia García. A decana engadía para finalizar que este tipo de propostas amosan a implicación real do alumnado, “que cando se meten nun proxecto que supón un reto intelectual e profesional, danse conta da súa evolución e da cantidade de competencias que teñen adquiridas”.