DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un curso afonda na relación entre economía, medio ambiente e colectivos vulnerables

O desenvolvemento sostible resiste a pesar da crise económica

Do 15 ao 30 de marzo daranse cita no campus de Ourense numerosos expertos do ámbito xurídico e acadé

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 15/03/2012

Na actualidade a crise económica marca unha axenda de prioridades na que aspectos como o desenvolvemento sostible parecen pasar a ocupar un segundo plano na axenda dos axentes públicos e privados. Sen embargo, a sostenibilidade non é só unha cuestión de vontade persoal ou institucional, é tamén unha esixencia xurídica en moitos aspectos. Con esta idea, deu comezo este xoves no campus de Ourense o Curso sobre Dereito a un Medio Ambiente Axeitado, Desenvolvemento Urbanístico e Económico e Protección dos Sectores Vulnerables, que reunirá a expertos do ámbito xudicial e académico para afondar no difícil equilibrio económico e ecolóxico.

A inciativa, que se prolongará ata o 30 de marzo na Facultade de Dereito, foi inaugurada por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito; Marta Arribas, concelleira de Medio Ambiente de Ourense; Roberto Bustillo, director do curso e Xosé Ramón Quintana, da Cátedra Carlos Casares. ”Ademais de formar profesionais, na Universidade traballamos para crear no alumnado unha conciencia crítica fronte á realidade que nos envolve”. Deste xeito salientaba María Lameiras a importancia de iniciativas que, coma esta, abordan dun xeito decidido cuestións de especial relevancia para a sociedade. “Hoxe en día falar de sostenibilidade, e sobre todo facelo desde o ámbito do dereito, merece toda a nosa atención e recoñecemento”, engadiu Marta Arribas.

Con estas palabras comezou un curso que, tal e como destacou Miguel Ángel Michinel, é a primeira actividade do proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Economía e Competividade Desenvolvemento rural en territorios insulares e costeiros. Especial referencia aos países en vías de desenvolvemento e á promoción de sectores da poboación vulnerables. Un proxecto no que participan dez profesores doutores das universidades de Vigo, A Coruña, Murcia e As Palmas coordinados por Roberto O. Bustillo, docente do campus de Ourense.

Desde a II Guerra Mundial ata hoxe

Precisamente Bustillo foi o primeiro relator encargado de introducir na materia ao preto de medio centenar de estudantes asistentes ao curso. O docente comezou repasando os inicios da idea de desenvolvemento sostible despois da II Guerra Mundial e da súa conceptualización por primeira vez nun texto das Nacións Unidas en 1987. “O desenvolvemento sostible baséase desde entón no equilibrio entre economía, medio ambiente e sociedade, en satisfacer as necesidades do presente tendo en conta as do futuro”, explicoulles.

Bustillo apuntou a importancia de ter en conta a aplicación deste concepto en función do nivel de desenvolvemento do país afectado. “Hai que ser máis esixentes con quen máis se lle pode esixir”, dixo para salientar que os países do chamado primeiro mundo teñen unha obriga maior de cumprimento neste senso. “Nos países máis avanzados a balanza do equilibrio entre medio ambiente e economía debería inclinarse máis cara o primeiro e nos países máis pobres debería inclinarse máis polo desenvolvemento económico”, explicou.

Alén destas consideracións xerais, o director do curso salientou a relevancia do tratamento xurídico deste concepto e das súas implicacións. Deste xeito Roberto Bustillo fixo un repaso pola historia da introdución e o desenvolvemento deste concepto no eido legal desde que en 1990 apareceu por primeira vez no ordenamento xurídico europeo. Coa súa intervención comezaron unhas conferencias que continuarán os días 16, 22, 23, 29 e 30 de marzo con financiamento da Concellería de Medio Ambiente de Ourense, da Fundación Carlos Casares, do Programa HURI-AGE Consolider Ingenio 2010 e coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Ourense, a Facultade de Dereito e a Asociación Estudantil Cuco.