DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un ciclo traerá á Facultade de Ciencias a destacados investigadores para falar das súas áreas de tra

Dez conferencias para amosar a diversidade da ciencia

A iniciativa está organizada pola asociación de estudantes do centro ECOUS

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 01/02/2012

Dinamizar desde o alumnado a vida na Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Este é o obxectivo polo que a recentemente creada asociación de estudantes deste centro ECOUS está a organizar un Ciclo de Conferencias que cada mércores traerá ao campus a un destacado investigador para falar de diferentes temas científicos de actualidade ou interese. Con este ciclo, toman o relevo e dan continuidade ás xornadas organizadas en 2011 A Química e as novas xeracións. Abertas a todas as persoas interesadas, as conferencias comezarán o vindeiro 15 de febreiro e rematarán o 16 de maio.

O Ciclo de Conferencias, organizado por ECOUS co apoio da Facultade de Ciencias e do Grupo Bioscope, “inclúe un abanico moi amplo de temáticas, coa intención de atraer o interese do público máis diverso, desde os 15 anos en diante, membros da comunidade universitaria de Ourense pero tamén de fóra dela”, explica desde ECOUS María Benavides. Deste xeito, entre os temas a tratar estará as Corcerizas como exemplo de illa enerxética, a realidade e ficción que envolve a nanotecnoloxía, a exacerbación do asma por factores ambientais, o medio ambiente como instrumento para protexer a historia e a cultura ou a sismicidade en Galicia.

Ao igual que no caso das temáticas, tamén é diverso o panel de relatores que participarán nesta iniciativa. A maior representación será a de investigadores e docentes da Universidade de Vigo, entre os que estará Andrés Guerrero, Roberto Bustillo, José Ramón Seara e Adolfo Cordero. Por parte das universidades lusas estarán Mario E. Diniz, da Universidade Nova de Lisboa, e Gilberto Igrejas e Patricia Poeta, da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, e por parte das universidades estatais estará José A. González, da Universidade Autónoma de Madrid. Para completar esta visión académica, participarán Analía Moares, da ONG Amigos da Terra, e Sandra Rodríguez, do Hospital Sant Joan Despi Moises Broggi.

Ampliar coñecementos

“Con este programa queremos dar un empuxe ás actividades na facultade pero tamén dar a oportunidade ás persoas que o desexen de formarse, de ampliar os seus coñecementos e de aprender cousas novas”, explica Benavides. Con esta finalidade as conferencias serán gratuítas, desenvolveranse no salón de actos Marie Curie e darán a posibilidade aos estudantes universitarios de obter un crédito ECTS pola asistencia ao ciclo completo.

Os case vinte compoñentes da asociación estudantil están estes días traballando para pechar os últimos detalles do ciclo, que agardan sexa un éxito. “Para nós é un motivo de especial satisfacción poder sacar adiante esta iniciativa, pois é a nosa primeira actividade deste tipo. A asociación naceu hai moi pouco tempo, en outubro, e tras organizar un magosto universitario a finais de ano, celebrar estas conferencias será para nós un paso adiante moi importante”, destaca María Benavides.