DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Centro de Linguas organizou una solta de globos e entregou os premios de microrrelatos

O Día do Libro deixa mensaxes no ar

A Biblioteca Universitaria acolle unha exposición de fotografía centradas nos libros

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 24/04/2012
Aínda que o tempo non acompañou, a Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu os actos organizados polo Centro de Linguas co gallo da celebración este luns do Día do Libro. Cunha colorida solta de globos preto de 50 persoas escenificaron o seu compromiso coa lectura nunha época na que as novas tecnoloxías transforma, en certo modo, o acto de ler tal e como o viñamos entendendo. Cada un dos participantes colgou en cadanseu globo o título do seu libro favorito co anhelo de que chegue esa recomendación a outros lectores no campus vigués.

No transcurso deste acto tamén se fixo entrega dos premios do concurso de microrrelatos organizado polo Centro de Linguas a través do seu perfil de Facebook, do que resultou gañadora Loli Cuña, no primeiro posto con 58 ‘gústame’. Ismael Alonso recibiu o premio do xurado segundo criterios de calidade literaria, orixinalidade e corrección ortográfica, gramatical e de estilo. Ambos leron ante o público asistente os relatos cos que participaron neste certame, textos coa extensión máxima dun comentario desta rede social.

Aproveitaron tamén os asistentes para deixar nunha caixa as súas suxestións tanto para o propio Centro de Linguas como para a Universidade, no que os actuais docentes e profesores recomendan tanto a institución para estudar como a cidade de Vigo para vivir, aconsellando actividades e lugares que visitar e, sobre todo, destacando a calidade académica e humana do Centro de Linguas. Precisamente os seus responsables foron os encargados de facer unha pequena reseña para explicar a orixe desta celebración do Día do Libro así como o nomeamento da cidade armenia de Ereván como Capital Mundial do Libro

Exposición na Biblioteca Universitaria

A Biblioteca Central do campus de Vigo uniuse tamén á celebración do Día do Libro coa organización dunha exposición fotográfica que amosa, na entrada do edificio, unha pequena escolma do álbum Retratando Libros. Esta colección recolle dende 2008 imaxes enviadas por persoas anónimas de momentos de lectura, libros, bibliotecas, etc que conta cun extenso álbum en Flickr. Nel atópanse fotos de intres de abstracción, algunhas das bibliotecas e coleccións máis orixinais ou fermosas do mundo, librerías, imprentas, lugares exóticos nos que un libro atopa o seu oco, feiras do libro, mercados de rúa, etc.