DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vicerreitoría, Concello e Ateneo presentan xuntos as actividades do Día Internacional da Muller

Un día para reinvindicar unha igualdade que aínda non se pode celebrar

As accións no campus de Ourense desenvolveranse do 7 ao 30 de marzo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 05/03/2012

“O Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, é un día máis para a reivindicación que para a celebración dunha igualdade que aínda hoxe en día non é unha realidade”. Así explicaba María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, a importancia de que, aproveitando a conmemoración desta data, se desenvolvan accións que contribúan a visibilizar á muller na sociedade. Con este obxectivo común, este luns Universidade, Concello e o Ateneo, presentaron conxuntamente os seus respectivos programas de actividades organizados co gallo dun día tan sinalado na loita polos dereitos da muller.

Xunto a María Lameiras na rolda de prensa de presentación estiveron Mónica Vázquez, concelleira de Igualdade de Ourense, e Isabel Salgado, presidenta do Ateneo. Durante a súa intervención Mónica Vázquez quixo salientar a importancia de aproveitar a conmemoración do día 8 para “reflexionar sobre os avances en igualdade acadados e para esixir cambios”, ao mesmo tempo que destacou o papel das institucións alí representadas na difusión, fomento e reivindicación da equiparación real entre homes e mulleres “buscando a participación activa da sociedade civil”.

Conferencias, obradoiros e un macropasatempos

Segundo o programa presentado pola vicerreitorra do campus, as actividades no ámbito universitario comezarán o día 7 de marzo coa presentación do libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco López, do documental baseado nesta publicación As silenciadas e da banda sonora deste audiovisual. O día 8 presentarase o Álbum de mulleres, un proxecto do Consello da Cultura Galega e, ás 18.00 h, realizarase o macropasatempo fisico-mental 10 solucións pola igualdade, no que dous escaladores desentrañarán coa axuda do público un pasatempo xigante na fachada do Edificio Politécnico.

Rematado o Día Internacional da Muller as actividades, organizadas coa colaboración da Deputación Provincial, a Unidade de Igualde da Universidade e a Universidade de Santiago de Compostela, continuarán o día 9 cunha mesa redonda titulada A muller na ficción televisiva galega na que participarán as actrices Camila Bossa, Mayka Brañas e Mariana Carballal e Anna Amorós, profesora da Universidade de Vigo. Xa o 13 de marzo celebrarase no campus un Obradoiro de linguaxe feminina/masculina, impartido polo colectivo artístico METT03.04, no que se exemplificarán distintas linguaxes corporais e orais dende a mirada do home, da muller e da interactuacción entre eles. Este xogo home-muller terá continuidade o día 15 cunha conferencia sobre A figura do ser andróxino, moda, arte ou necesidade?, a cargo de Ana Rodríguez, titulada da Escola de Moda de Santiago de Compostela, e de Andrea Valado, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, e cun Obradoiro de caracterización, que tentará achegar os dous sexos creando apareciencias mediante a maquillaxe e o vestiario.

Mulleres pioneiras

Para rematar as actividades, o ciclo da Universidade de Vigo Pioneiras. Unha homenaxe ás primeiras loitadoras polo recoñecemento da muller chegará ao campus de Ourense cunha xornada centrada na figura de Clara Campoamor. A iniciativa contará cunha conferencia de María Teresa Arias Bautista, historiadora e presidenta da Agrupación Ateneísta de Estudios sobre la Mujer 'Clara Campoamor', e a proxección da película Clara Campoamor, la mujer olvidada, cinta presentada pola profesora Susana Reboreda. Por último, estas actividades completaranse coa exposición Con A de astrónomas, I Premio á introducción da perspectiva de xénero na docencia e a investigación da Universidade de Santiago. A mostra, comisariada polas profesoras Josefina F. Ling e Eulalia Pérez, estará no Edificio Politécnico entre o 19 e o 30 de marzo.