DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Diego M. Luzón afirma que España é un dos países europeos máis transixentes co cumprimento das condenas

O catedrático ofreceu un relatorio sobre as últimas reformas do Código Penal na Facultade de Dereito

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 15/05/2009

O Código Penal español establece no seu artigo 36 que “a pena de prisión terá unha duración mínima de tres meses e máxima de 20 anos”, pero, isto sempre se cumpre?, hai excepcións?, cales son as funcións deste tipo de penas? Son moitas as preguntas que xorden ao afondar nesta materia, por iso, inserida no practicum da materia de Dereito Penal, o Edificio Xurídico-Empresarial acolleu este venres unha conferencia do profesor Diego Manuel Luzón, catedrático de Dereito Penal da Universidade de Alcalá de Henares. No seu relatorio, As últimas reformas sobre cumprimento das penas, Luzón tratou "cuestións relativas á aplicación da aplicación das penas de acordo coas últimas modificacións que se realizaron no Código Penal no ano 2003.", dixo Virxilio Rodríguez, organizador do relatorio.
Pola súa banda, Inés Iglesias, decana da facultade, sinalou que “esta é unha oportunidade extraordinaria para poñerse ao día nas principais reformas do código”. Tampouco se esqueceu de agradecer “a colaboración do Consello Social sen o cal non se poderían levar a cabo todas estas iniciativas”.
Tras as presentacións, Luzón, que se amosou encantado de estar en Ourense, deu comezo á súa intervención sobre a pena de prisión, “a columna vertebral do sistema penal e unha das que máis problemas entraña”.

Afondando no Código Penal

Luzón principiou polas reformas realizadas no tocante ao cumprimento das penas no ano 1995, “no que se suprimiu a redención por traballos”. O código anterior a esta data permitía que se lle outorgase a calquera preso que tivese cumprido tres cuartas partes da súa pena a liberdade condicional, para o que só era preciso que o xuíz considerase que o delincuente tivera boa conduta. Actualmente, para que os presos poidan beneficiarse desta redución de pena é necesario que superen diferentes trámites e que sexa emitido un prognóstico favorable de inserción laboral polas autoridades competentes na materia. Suprimiuse ademais no 95 o artigo que “outorgaba ás xuntas dos centros penais a potestade de acurtar as penas”.
No ano 2003, mediante a Lei Orgánica 7/2003 realizáronse unha serie de reformas para o cumprimento íntegro e efectivo das penas. Estas modificacións viñeron a trasladar ao papel “os desexos da sociedade que consideraba que o réxime de condenas non era efectivo”.

Funcións da pena de prisión

Antes de seguir avanzando nas medidas de reforma, Luzón fixo un alto no camiño para afondar nos obxectivos que persegue a imposición de pena de prisión. Este tipo de condena “persegue un fin mixto: a prevención xeral e a prevención xeral positiva ou convicción xeral ou social”, explicou Luzón. A primeira finalidade trata de “intimidar a potenciais delincuentes que ante a ameza das penas vense disuadidos de delinquir”, este é un obxectivo fundamental e cando as penas se reducen e non se cumpren “queda en papel mollado”. Un exemplo no que podemos comprobar este feito é que en España “as bandas organizadas do leste actúan con maior intensidade que no resto de países europeos, xa que aquí as penas son máis brandas”. O segundo do obxectivos que persegue a pena de prisión trata de crear na sociedade confianza nas normas e lograr que pola súa convicción “ninguén se tome a xustiza pola súa man”. Neste sentido a prevención xeral positiva tamén persegue a reinserción social dos individuos. Existe unha terceira finalidade deste tipo de penas: o restablecemento ou retribución da xustiza. Este obxectivo, xunto co da prevención xeral, son os primordiais en detrimento da reinserción social.

A pena de prisión en España

“O noso país é un dos máis brandos da nosa contorna coas penas de prisión. Ata o ano 95 a duración máxima era de 25 anos” e non está contemplada a cadea perpetua, xa que o noso código entende que esta condena” incumpre a orientación cara a reinserción social”. Dende as reformas do ano 2003 a duración máxima das penas amplíase ata 40 anos para casos especiais nos que o suxeito sexa condenado por dous ou máis delitos, un dos cales estea castigado con pena de prisión superior a 20 anos, ou ben sexa penado por delitos de terrorismo e algún deles teña unha duración tamén superior a 20 anos.