DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo os datos do barómetro do Foro Económico

O dinamismo exportador de Galicia cuadriplica o de España

Destaca o comportamento do sector téxtil e da automoción

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 29/05/2018

O Foro Económico de Galicia, coordinado polo Grupo Gen da Universidade de Vigo, fixo público este martes o Barómetro Exportador de Galicia (Baexga) para o primeiro trimestre do ano, de xaneiro a marzo de 2018, destacando “un desempeño exportador moi positivo”. Segundo explican en nota de prensa desde a entidade, “no primeiro trimestre Galicia cuadriplicou o dinamismo exportador do conxunto de España e triplicou o da Unión Europea, superando a economías como a alemá, xaponesa ou norteamericana”.

Este intenso dinamismo exportador, detallan desde o Foro Económico de Galicia, “está a descansar, sobre todo, nos mercados intraeuropeos, así como en empresas que veñen sendo exportadores regulares”. No que atinxe aos sectores, o desempeño exportador da confección, apuntan, “é sobresaínte medrando a taxas que duplican ao total galego e que triplican o crecemento exportador do sector en España, sendo case do 30% cara a UE”.  Ademais, engaden,  o sector galego da automoción comeza o ano 2018 cun cambio radical de tendencia exportadora, cuadriplicando o ritmo exportador do sector en España. O aspecto máis negativo, indican desde a entidade, “ven polo lado da evolución das empresas exportadoras xa que, neste primeiro trimestre, menos de unha de cada 100 novas empresas exportadoras españolas foi galega.

O Baexga avalía o pulso competitivo da economía galega tendo en conta as vendas ao exterior e o número de empresas que as realizan. Este barómetro incorpora ao mesmo tempo a evolución no longo prazo, nos últimos dez anos, tanto das exportacións como das empresas exportadoras. O indicar está elaborado polo Foro Económico de Galicia, unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade integrada por máis de 60 docentes e persoal investigador das tres universidades galegas, empresariado, directivas e directivos e xornalistas especializados en divulgación económica.