DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade promove tamén un ciclo de relatorios virtuais impartidos por egresadas e egresados

Dirección e Xestión Pública aborda a necesidade dun goberno global para facer fronte os retos do planeta

Nunha conferencia impartida polo catedrático Argimiro Rojo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Estudantado
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 29/11/2023

Tras a súa constitución como facultade, Dirección e Xestión Pública promove nos primeiros meses de cada curso unha conferencia académica inaugural, dirixida a afondar en diferentes cuestións relacionadas cos estudos que se imparten neste centro. Nesta ocasión, o seu eixe temático foi a idea da gobernanza mundial e foi impartida por Argimiro Rojo, catedrático de Ciencia Política e da Administración da UVigo ata a súa xubilación. O que fora tamén presidente do Tribunal de Garantías da Universidade centrou a súa intervención en pór de relevo a necesidade de construír, partindo das Nacións Unidas, un “goberno global” que permita facer fronte a “problemas gravísimos”, como os efectos do cambio climático, que están a levar o mundo, sinalou, a unha “situación de non retorno”. 

O conferenciante foi presentado polo decano, Enrique Varela, quen destacou que esta conferencia inaugural, “que non vai acompasada co inicio do curso”, tiña nesta ocasión como protagonista a un dos creadores da diplomatura que precedeu ao actual grao e coa que arrancaron en 1999 “os estudos de Dirección e Xestión Pública na Universidade de Vigo”. Rojo, pola súa banda, puxo o foco, na “sede da Ciencia Política na UVigo”, na “responsabilidade dos politicólogos nesta encrucillada histórica”. 

Nun relatorio titulado O goberno democrático do planeta e a defensa dos dereitos humanos, o investigador puxo de relevo que “o actual modelo de gobernanza mundial, sendo bo e absolutamente necesario, é insuficiente, non é capaz de asegurar a gobernabilidade da terra”. Este modelo, lembrou, baséase nos “compromisos voluntarios dos estados”, mais a existencia de problemáticas “como o cambio climático ou a ameaza nuclear, que poñen en serio risco a continuidade da vida no planeta” fai preciso un órgano supraestatal con capacidade para “impor decisións vinculantes a nivel global”. Neste punto, Rojo sostivo que a creación deste “goberno mundial” debería pasar por unha reforma das Nacións Unidas, que contan “cunha experiencia de case 80 anos, teñen recursos humanos e materiais e unha implantación a nivel mundial”. 

Un ciclo dá voz aos egresados e egresadas

Esta conferencia viuse precedida na facultade pola celebración, este luns, da primeira das conferencias AlumniDXP, un ciclo de relatorios virtuais que teñen como protagonistas a exalumnos e exalumnas tanto do Grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Publica e Liderado Institucional. Como explica Varela, a facultade impulsou nos últimos meses a súa propia comunidade de egresados e egresadas, partindo da Comunidade Alumni-UVigo, coa que nesta semana iniciaba este ciclo de relatorios, no que irán intervindo diferentes profesionais formados na facultade. 

A primeira destas conferencias centrouse nos fondos Next Generation e correu a cargo de Inés Chao, subdirectora xeral de Proxectos Públicos no Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Xunta de Galicia. A actividade continuará en 2024 con novos relatorios “propostos polos propios alumni, nos que imos falar de temas que teñen que ver coa intelixencia artificial, a innovación, a calidade ou a contratación”, sinalou Varela, para pecharse en xuño, cando se promoverá un “encontro anual” desta comunidade coincidindo coa conmemoración do Día das Nacións Unidas para a Administración Pública.