O próximo curso os estudantes terán a posibilidade de formarse e ser avaliados a través de Internet
Dirección e Xestión Pública busca atraer alumnado de toda España coa súa modalidade semipresencial
Con esta opción trátase de achegar o grao a profesionais que non poden acudir ás clases presenciais
Persoal das diferentes administracións, xestores de empresas, responsables de loxística ou de compras de organizacións que traballan para as institucións públicas.... Son variados os perfís laborais aos que o grao en Dirección e Xestión Pública achegaría uns coñecementos moi útiles para o seu desenvolvemento como profesionais. Por iso, co obxectivo de ampliar a súas posibilidades formativas, esta titulación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación contará a partir do vindeiro curso cunha modalidade semipresencial, que lles permitirá recibir por Internet a mesma formación que se proporciona nas aulas. Con esta medida, os responsables desta titulación buscan tamén “ampliar o rango de posibles alumnos a todo o territorio da autonomía e mesmo de fóra de Galicia”, como sostén o coordinador do grao, Enrique Varela, que este xoves compareceu xunto ao decano en funcións de Ciencias Sociais e da Comunicación, Celso Cancela, para presentar o que definiron como “unha nova oportunidade formativa”.
O mesmo sistema de aprendizaxe, pero virtual
Foi a raíz das solicitudes que lles fixeron chegar “potenciais alumnos, que non podían cursar este grao principalmente por motivos laborais”, que os responsables desta titulación comezaron a traballar na que será unha “modalidade única no campus de Pontevedra”, como destacou Cancela. Unha modalidade que, como matizou Varela, "non será a prima pobre da modalidade presencial”, coa que convivirá, senón que implicará “as mesmas garantías académicas e xurídicas de avaliación de competencias" que o grao actual. “Son os mesmos contidos, os mesmos profesores, o mesmo desenvolvemento de competencias, o único que varía son as probas de seguimento e avaliación”, explica o coordinador do grao.Mais isto non significa que o alumnado se forme pola súa conta e acuda a un exame final. Todo o contrario, o que se lle ofrece con esta modalidade é un xeito alternativo de someterse ás diferentes probas que se realizan nesta titulación ao longo do cuadrimestre para medir o grao de adquisición de competencias. Farase a través dunha plataforma virtual en Internet, que se complementará coa utilización de foros e videoconferencias, ás que se suma tamén a posibilidade de acudir a determinadas sesións na facultade, programadas especificamente para os matriculados nesta modalidade. “A clave é acompañar ao alumno en todo momento”, apuntou Varela, que destacou a implicación do profesorado cunha opción que “vai ser igual de esixente academicamente”.