DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun encontro co decano da Facultade de Económicas e Administración da institución checa

Dirección e Xestión Pública busca potenciar a súa colaboración coa Universidade de Pardubice 

A través dun programa de mobilidade Erasmus+ e do traballo nun programa formativo conxunto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Investigación
  • Institucional
DUVI Pontevedra 02/11/2023

Desde hai anos, investigadores do Observatorio da Gobernanza G3 da Facultade de Dirección e Xestión Pública manteñen liñas de traballo con docentes da Facultade de Económicas e Administración da universidade checa de Pardubice. Co obxectivo de ampliar esta colaboración, indo máis aló da investigación, o decano da facultade checa, Jan Stejskal, e o subidrector do seu Science and Research Centre, Viktor Prokop, visitaron nos últimos días a facultade pontevedresa. Xunto a outros aspectos, este encontro tiña como obxecto que Dirección e Xestión Pública puidese incorporarse como socio a un programa de mobilidade Erasmus+, así como estudar tamén a posiblidade de traballar conxuntamente nun programa de posgrao conxunto sobre gobernanza e desenvolvemento rexional.

Como sinala o decano de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela, este encontro tiña como obxectivo “consolidar esa relación aberta entre o traballo do Observatorio da Gobernanza e as súas liñas de administración pública e tratar de facer máis cousas”. Nese senso, unha das proposta que Stejskal puxo sobre a mesa é a posibilidade de incorporar á Universidade de Vigo como socio dun programa financiado pola Comisión Europea, no marco das convocatorias Erasmus+, que ten tamén como eixo a gobernanza e o desenvolvemento rexional e que permitiría que tanto alumnado como docentes poidan participar en encontros dunha semana nas diferentes universidades socias. “É un programa curto, pero moi interesante, porque supón un intercambio con varias universidades europeas en áreas absolutamente aliñadas co Observatorio”, salienta Varela dunha iniciativa na que participan tamén universidades de Italia e Lituania.

Xa máis a longo prazo, os representantes da Universidade de Pardubice abordaron tamén a posibilidade de que a UVigo puidese sumarse a un programa de estudos de posgrao, que deseñaron xunto a institucións de Lituania e Chipre. “É un programa potente, de 120 créditos con bos socios de referencia, do que queren que formemos parte, polo que é un desafío no que temos que traballar, porque ábrenos ao leste de Europa”, recoñeceu Varela. No lado contrario, Stejskal destacou que o propósito da súa visita a Pontevedra era precisamente buscar “novos socios” entre as universidades do oeste do continente, xa que “a internacionalización é unha cuestión moi importante para calquera universidade moderna” e tendo en conta ademais, lembrou, que en Dirección e Xestión Pública traballan “en temas moi próximos” aos da facultade que representa. 

Colaboración con Asaexs

Por outra banda, Dirección e Xestión Pública busca tamén abrir novas liñas de colaboración coa asociación de alumnado e exalumnos sénior do campus de Pontevedra, Asaexs, aos que recentemente cedía o uso dun dos seminarios do centro para que poida servir como sede deste colectivo ao longo do curso 2023/2024.