DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pablo Abelleira convértese no seu primeiro responsable

Dirección e Xestión Pública dótase da súa primeira delegación de estudantado

O centro achegou ao IES Luis Seoane a súa exposición sobre os ODS

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 08/05/2023

O pasado verán, completábanse os trámites que facían posible a creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, na que se insiren tanto o Grao en Dirección e Xestión Pública como o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, dúas titulacións previamente adscritas á antiga Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicacion. A creación deste novo centro implicaba tamén outra serie de procesos, levados a cabo no presente curso, como a constitución da Xunta de Facultade e a elección dun primeiro equipo decanal, pero tamén o da creación dunha delegación de estudantes, A través da votación tanto dos delegados e delegadas de curso como dos estudantes que forman parte dos diferentes órganos de goberno da institución académica, este proceso completábase coa elección do alumno Pablo Abelleira como primeiro responsable deste novo órgano, á fronte dun equipo de traballo que completan Víctor Méndez e Alejandro Virgós, como secretario e tesoureiro, respectivamente.

Deste xeito, buscábase “sobre todo dar estrutura á representación do alumnado dentro da facultade”, recoñece Abelleira, que admite que “a representación estudantil é algo que sempre me gustou”. De feito, é membro tanto do Claustro e do Consello de Goberno da UVigo, como do Consello de Campus de Pontevedra e da Xunta de Facultade e agora convértese no primeiro responsable da delegación. Este novo órgano bota a andar, explica, cun primeiro obxectivo, o de elaborar e aprobar o seu regulamento de réxime interno. “O que se busca neste curso é sobre todo facer ese regulamento, para estruturar e organizar a delegación e xa iniciar o curso que vén con normalidade”, apunta. Alén disto, tras a súa constitución toca tamén, engade, “poñernos a traballar para representar ao alumnado e colaborar na súa formación”. Neste punto, o seu primeiro responsable incide en que entre os propósitos da delegación figura tanto exercer como interlocutor entre o alumnado e o profesorado do centro e “colaborar e traballar conxuntamente do Decanato”, como desenvolver unha “axenda propia de eventos e actividades formativas que poidan ser interesantes para o alumnado e que saian das súas propostas”. 

As reflexións do alumnado sobre os ODS, no IES Luís Seoane

Nos últimos días, Abelleira foi tamén un dos participantes na I Feira da Sustentabilidade do IES Luís Seoane, onde o pasado venres impartía un relatorio sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e como estes poden ser abordados desde a xestión pública. Esta cuestión é, de feito, o eixe central da exposición Axenda 2030. Un reto para a humanidade. Un reto para a universidade, que a Facultade de Dirección e Xestión Pública presentaba a finais de de abril e que nestes días puido verse tamén na biblioteca deste instituto de Monte Porreiro. Conformada por 17 paneis, que recollen as reflexións sobre cada ODS que o alumnado da facultade levou a cabo no marco dun proxecto de innovación desenvolto en tres materias de primeiro curso do grao, esta exposición formou parte tamén da programación dunha feira que este mediodía celebraba o seu acto de clausura, coa participación da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e do decano, Enrique Varela. Xunto á Dirección e Xestión Pública, o evento promovido polo grupo Eco-Étika deste instituto contou tamén coa colaboración do grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab, que impartiu un taller sobre decrecemento.