DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha reunión co alcalde, Manuel Lourenzo

Dirección e Xestión Pública explora vías de cooperación educativa co Concello de Soutomaior

Traballan tamén nun convenio para a realización de prácticas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cooperación
  • Institucional
DUVI Pontevedra 21/09/2023

Explorar vías de colaboración entre a Facultade de Dirección e Xestión Pública e o Concello de Soutomaior, tanto en materia de prácticas como de cooperación educativa, foi o obxectivo central da reunión que o decano, Enrique Varela, mantivo co alcalde, Manuel Lourenzo. O encontro, no que tamén participaron o vicedecano de Virtualización e Innovación Educativa, Xosé Mahou, e o concelleiro Diego Moreira, constituíu, como explicou Varela, “unha primeira toma de contacto” coa que explorar liñas de cooperación e “traballos comúns”, mentres que Lourenzo destacou que “a sintonía e o bo entendemento foron mutuos e estamos seguros que o acordo de colaboración vai permitir avanzar a todas as institucións”.

Tanto Varela como Lorenzo sinalaron que un dos obxectivos é que Concello e a Universidade poidan asinar en breve un convenio que permita ao alumnado de Dirección e Xestión Pública realizar prácticas nesta administración. Por outra, o encontro serviu tamén,  explica o decano, para coñecer as necesidades e intereses do Concello de Soutomaior en materia de formación do seu persoal, como primeiro paso de cara a un posible acordo de cooperación educativa. Nese senso, o decano lembrou que un dos aspectos recollidos na nova Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) é o impulso das chamadas “microcredenciais”, programas formativos de menor duración dirixidos a unha poboación adulta, de tal xeito que este tipo de colaboracións permiten á facultade comezar a definir “un plan de necesidades, cos nosos aliados naturais”, de cara a unha futura articulación de propostas formativas dirixidas a colectivos concretos. Así mesmo, o encontro serviu tamén para dar a coñecer aos responsables do Concello a iniciativa da facultade de pór en marcha unha comunidade de egresados e egresadas, no marco da Comunidade Alumni-UVigo, aproveitando que Moreira é titulado en Dirección e Xestión Pública.