DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido a formar en oratoria tanto ao alumnado do grao como dos centros de ensino participantes 

Dirección e Xestión Pública impulsa un club de debate co IES A Xunqueira II e Los Sauces

A proposta ten como eixe os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 20/12/2023

Como “unha forma de adestrar unha habilidade fundamental, tanto no mundo presencial como no virtual”, como é ter capacidade de argumentación, presenta o decano de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela, o club de debate que a facultade impulsa no presente curso por primeira vez e no que participa tamén alumnado do IES A Xunqueira II e do colexio Los Sauces. Esta iniciativa abrangue, en primeiro termo, unhas sesións formativas dirixidas a que os e as participantes poidan adquirir unhas primeiras nocións de oratoria para que logo conformar os equipos dos tres centros, que participarán nun debate final de carácter non competitivo. 

Como apunta Varela, esta iniciativa viuse precedida por “unha experiencia de innovación docente” levada a cabo o pasado curso co alumnado de dúas materias do Grao en Dirección e Xestión Pública, tanto da modalidade presencial como da virtual, consistente na preparación e organización dun debate. Esta viña á súa vez motivado polo propio interese amosado por esta temática polo alumnado, tras a participación de grupos de estudantes na competición Parlamento Xove, que promove a Xunta de Galicia. Coordinado por Varela e o profesor Ignacio Fernández, este club de debate naceu tamén co propósito de “conectarnos con Pontevedra, neste caso a través dos institutos”, contando na primeira das súas actividades coa participación de preto de 40 estudantes do IES A Xunqueira II e dunha quincena de alumnos e alumnas de ESO e bacharelato de Los Sauces.

Formación e posta en práctica

Coa participación do alumnado de secundaria, a experiencia arrancou neste mes de decembro cunha primeira sesión dirixida a achegar aos e ás participantes unhas primeiras nocións de oratoria, da man do avogado e experto neste eido Javier Pascual, profesor da Universidad San Pablo-CEU. Tras o coloquio, a iniciativa completouse cunha xuntanza con Varela e Fernández, dirixida a presentarlles o funcionamento deste club de debate e como será a organización dos equipos, así como a realizar un traballo preliminar centrado nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que serán un dos eixes desta actividade.

Xa en xaneiro terá lugar unha segunda reunión, á que se unirá tamén o alumnado de Dirección e Xestión Pública e que consistirá nunha “simulación de debate”, como apunta Varela, dirixida tanto a ampliar a súa formación neste eido como a amosarlles as dinámicas do que será o encontro final. Esta iniciativa estará aberta tamén ao alumnado dos dous centros de secundaria, así como ao estudantado de tres materias do grao, que deberán tamén realizar outro debate no marco dun proxecto de innovación docente. A partir de aí, os tres centros participantes deberán definir e preparar un equipo integrado por seis estudantes que participará no debate final desta experiencia. Esta, como apunta Varela, contará “cunha mecánica de avaliación, unha acta e profesorado que lles vai avaliar”, pero que “non vai ser competitivo”, xa que o propósito desta iniciativa “é que aprendan as dinámicas e os procesos e que saiban argumentar unha idea ou refutala”.