DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Ramón Carril, do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, padriño de honra

Dirección e Xestión Pública presenta en sociedade a súa primeira promoción de graduados

Os 36 alumnos e alumnas celebraron este acto na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
IolandaFernández DUVI 10/05/2013

Despois de moitas noites ser durmir, moreas e moreas de cuncas de café, sobrevivir a unha chea de traballos en grupo, a un cento de exames e ao temido traballo final de grao, 36 alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación son de dende este venres graduados da primeira promoción de Dirección e Xestión Pública (2009/2013). A vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, o decano da facultade, Juan Manuel Corbacho, e o coordinador do grao e vicedecano, Celso Cancela, acompañaron a un alumnado que estivo representado no acto por Estela Baleirón e Antonio Dopazo.

Na súa intervención, o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho, felictou aos alumnos e alumnas, a quen definiu como “a promoción de xestores públicos mellor preparada dos últimos tempos”. Agradeceulles o seu esforzo e dedicación para superárense día a día e para dárenlle “vida ao centro”. Ao mesmo tempo, Corbacho salientou que “sodes vós quen facedes desta titulación un referente, un modelo a seguir”. No remate do seu discurso, o decano desexoulles a todos eles o mellor dos futuros no plano persoal pero centrándose no profesional pediu para todos e cada un de eles unha oportunidade laboral para demostrar a súa valía. “Agardo que o voso novo horario de traballo sexa en quenda de mañá porque iso suporá que estades a traballar o a seguir formándovos neste eido”, concluíu.

Ao berro de “si se pode” e tomando como referencia as palabras de Mahatma Gandhi nas que se manifesta que a recompensa ao seu traballo é o esforzo e non o resultado do mesmo, os voceiros dos alumnos Estela Baleirón e Antonio Dopazo repasaron estes catro últimos anos e agradecéronlle a presencia este venres na facultade ao seu padriño académico, o profesor Francisco López Corrales, e ao seu padriño de honra, o delegado en Pontevedra do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, José Ramón Carril. Foi precisamente no acerto do alumnano en elixir aos seus padriños no que se centrou o discurso do coordinador do grao en Dirección e Xestión Pública, Celso Cancela. O vínculo que existe entre Carril e a facultade, e máis concretamente co grao, é moi forte. Cancela agradeceulle o seu “optimismo, estusiamo, altruismo e colaboración” tanto co profesorado coma co alumnado do centro.