DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de representantes de cinco partidos, terá lugar o xoves 15 de febreiro

Dirección e Xestión Pública promove un debate electoral centrado na formación e na empregabilidade

Impulsado polo Decanato e a delegación de estudantado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Pontevedra 08/02/2024

No día previo ao peche da campaña das eleccións galegas, a Facultade de Dirección e Xestión Pública acollerá un debate electoral no que participarán membros das candidaturas das cinco formacións sinaladas como representativas ou significativas pola Xunta Electoral. Baixo o título de As propostas dos partidos políticos sobre educación, formación e empregabilidade, este debate contará coa participación dos candidatos e candidatas pola provincia de Pontevedra Miguel Fidalgo (PP), Paulo Ríos (BNG), Xulio Torrado (PSdeG-PSOE), Ramón Sarmiento (Sumar) e Antía Fernández (Podemos). 

Como explica o decano, Enrique Varela, esta actividade xorde dunha iniciativa da delegación de alumnado, que contou co apoio do Decanato e a colaboración do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3. Programado para as 11.00 horas e aberto tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía, o debate será moderado polo profesor Celso Cancela e desenvolveranse na Ágora da facultade. Así mesmo, poderá seguirse tamén de xeito virtual, no salón de actos da facultade en Campus Remoto, empregando o contrasinal 6uTYsN3K no acceso para estudantado. 

Da política xeral ás medidas en materia de educación

O debate seguirá “unha estrutura de participación” que define tanto a orde como o tempo de intervención das e dos participantes, que disporán dun máximo de cinco minutos en cada un dos bloques. O primeiro, explica o profesor Fernando Martínez, coordinador desta actividade, será un bloque de “política xeral”, mentres que o segundo estará centrado en “xuventude, educación, formación e empregabilidade”, para logo a continuación dar a oportunidade aos e ás asistentes, “fundamentalmente alumnado universitario, de formular algunha cuestión ás candidatas e candidatos”, por un tempo máximo de dez minutos.

Como engade Martínez, os convites a este debate foron realizadas seguindo “o criterio adoptado pola Xunta Electoral Central, que ratificou a Xunta Electoral de Galicia” e que sinala a PP, BNG e PSdeG-PSOE, presentes na cámara autonómica na anterior lexislatura, como “partidos representativos” e a Sumar e Podemos como “partidos significativos”, a raíz de que a coalición na que concorreron ás eleccións xerais de xullo acadase un 10% dos votos en Galicia.