DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Luis de la Plaza considera improbable o veto a Arxentina polo caso YPF

Un directivo do Banco Mundial defende no campus o deseño de solucións financieiras a medida

Explicoulle ao alumnado de CC Económicas e Empresariais como se loita contra a pobreza desde este or

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 25/04/2012
“Creouse co obxectivo de combater a pobreza e a día de hoxe seguimos deseñando solucións financeiras a medida, ou ben do país ou do produto específico”. Así lles explicou o alto directivo do Banco Mundial, Luis de la Plaza, aos estudantes da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o labor do organismo para o que traballa, unha entidade da que a miúdo escoitan falar pero da que poucas veces teñen a oportunidade de coñecer de xeito tan directo. Da explicación teórica do labor deste organismo aos comentarios máis persoais, “probablemente co próximo presidente se poña fin á ‘tradición’ de que sempre o presida un americano”, De la Plaza achegou hoxe esta institución, con sede en Washington, ao alumnado vigués.

Presentado pola profesora Sonia Rodríguez Parada e o decano da facultade, Santiago Gómez Fraiz, Luis de la Plaza, co-coordinador de Préstamos, Xestión de Débeda e Asesoramento Financeiro do Banco Mundial para a zona de Latinoamérica, desvelou, en pouco máis dunha hora, as principais características dun organismo que se creou recen rematada a Guerra Mundial co obxectivo de reconstruír a economía internacional e que hoxe está integrado por 187 países membros, entre eles España, “se ben a día de hoxe o poder de decisión do noso país está reducido a arredor dun 0.8%”, apuntou durante a súa intervención, ao fío que explicou que o bloque Estados Unidos, Xapón e Alemaña é o que ten máis peso na súa xestión “algo que non deixa de ser obxecto de numerosas críticas debido, sobre todo, á falta de peso dos países emerxentes”, engadiu.

Un banco ‘pouco habitual’

Coa meta final de que no futuro non haxa ningún país que precise axuda do Banco Mundial, De la Plaza explicoulle aos asistentes que o Banco Mundial non é un banco no senso habitual, senón máis ben unha asociación singular dirixida a loitar contra a pobreza e a apoiar o desenvolvemento, ou dito doutro xeito, unha fonte de asistencia financeira e técnica para os países en desenvolvemento de todo o mundo. “Trátase de axudar aos países a que se poidan financiar eles mesmos”, subliñou De la Plaza, un aspecto no que cobra especial interese o deseño de produtos “que axuden a estes países a descender a súa vulnerabilidade”.

Durante a intervención o directivo explicoulles tamén as principais necesidades dos ‘clientes’ do banco mundial, centradas sobre todo, na necesidade de conseguir financiamento a baixo custe e a reducir o risco financeiro asociado aos efectos adversos dos desastres naturais, “así como reducir o risco de eventos climáticos desfavorables como pode ser a seca, por citar un dos máis habituais”, subliñou. Nesta liña, De la Plaza insistiu na necesidade de conseguir que os países se endebeden na súa propia monea e non noutras que non lle son propias “e, polo tanto, con riscos moito máis elevados”.

En canto aos produtos e servizos financeiros deste organismo, De la Plaza opinou que “o menú de produtos financeiros do Banco Mundial non ten nada que envexar ao de outro gran banco”, incluíndo garantías, produtos de xestión do risco, etc. Con períodos de amortización moi flexible, o alto directivo insistiu en que “financiamos desenvolvemento e isto só se consigue a longo prazo”.

Caso YPF

Na súa visita á facultade viguesa De la Plaza referiuse tamén ao caso YPF, manifestando que cree improbable a posibilidade de veto a Arxentina dentro da entidade financieira global pola nacionalización do 51% de YPF a Repsol, unha situación á que se referiu como "un problema bilateral entre dous países", aínda que "se Estados Unidos quixera pór restricións podería facelo, dada a súa capacidade de veto, pero isto extrañaríame", apuntou. Aínda así, o directivo lembrou que as condicións actuais do fluxo de crédito do Banco Mundial a Arxentina son "moi restrictivas" ao lembrar que o país sudamericano fixo "o que poucos", en referencia a un incumprimento de pago da súa débeda coa entidade financiera global.