DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Susan Steele, acompañada do reitor, visitou hoxe por vez primeira a Ecimat 

A directora da Axencia Europea de Control da Pesca coñece as capacidades e medios de investigación do CIM 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Visitas
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 31/03/2022

Acompañada pola subdirectora, Cristina Morgado, e pola responsable de Política Sectorial e Comunicación da Axencia Europea de Control da Pesca, Patricia Sánchez, a directora da EFCA (polas súas siglas en inglés), Susan Steele, visitou este mediodía por vez primeira, desde a súa chegada ao cargo en setembro de 2021, o Centro de Investigación Mariña da UVigo. Na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, xunto ao reitor da UVigo, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio; o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos; o director do CIM, Daniel Rey e o director da Ecimat, José Manuel García, Susan Steele “coñeceu de primeira man as investigacións máis punteiras que se realizan no centro a través dos propios investigadores, así como as principais características das instalacións”, confirma o director do CIM.

Steele fora recentemente convidada polo reitor a coñecer as capacidades e medios de investigación do CIM da UVigo, cos que, durante o seu mandato, xa tivera ocasión de entrar en contacto o seu antecesor no cargo, Pascal Savouret. “Este tipo de contactos prodúcense no marco de relacións cordiais e de cooperación iniciadas polo seu predecesor coa Universidade e que esperamos fortalecer durante o seu mandato”, sinala Daniel Rey, que lembre que a EFCA ten a misión de promover os máis altos niveis comúns de control, inspección e supervisión no marco da Política Pesqueira Común, para o que coordina, entre outras accións, a cooperación entre as actividades nacionais de control e inspección, como peches e paralización de caladoiros.

Unha oportunidade de reforzar a posición do CIM 

Como elemento central da estratexia mariña do Sistema Universitario Galego (SUG) e axente protagonista nos sistemas de innovación a escala rexional, nacional e internacional, o director do CIM, considera que para o Centro de Investigación Mariña a visita da directora da Axencia Europea de Pesca “tamén é unha oportunidade de amosar o seu compromiso coa conservación e uso dos océanos, mares e recursos mariños a través da xeración e transferencia de coñecemento baseado na ciencia, a tecnoloxía e a innovación e o seu aliñamento coas políticas e estratexias europeas relacionadas co ámbito mariño, apostando por un crecemento azul sostible dentro do marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), relacionados coa conservación dos océanos, particularmente co desenvolvemento sostible da economía do mar e coa equidade e benestar da sociedade ligada ao mar”, no que EFCA xoga un papel esencial na promoción dos máis elevados estándares comúns en materia de control, inspección e vixilancia no marco da política pesqueira, lembra Daniel Rey.

O director do CIM incide no “papel fundamental” que o Centro ten neste campo, “xa que pode apoiar os esforzos para reverter o ciclo de deterioro da saúde dos océanos (Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible 2021-2023) e o seu aliñamento co Pacto Verde Europeo na necesidade de levar a cabo unha xestión máis sostible do espazo marítimo que harmonice todas as actividades económicas mariñas”. Neste sentido, Rey lembra o papel que o CIM está a xogar na implementación destas políticas a través da súa participación no Plan Complementario de Ciencias Mariñas, “no que Galicia, como potencia mundial nos sectores pesqueiro e acuícola, lidera a recuperación verde, dixital, inclusiva e social, aproveitando a oportunidade que ofrece Next Generation European Union”, sinala o director do CIM.