DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade e do conselleiro de Facenda

A directora do Cintecx, Concepción Paz, recolle o premio María Josefa Wonenburger

Foille concedido pola súa especialización ou o seu elevado índice de impacto como investigadora

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Premios
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 20/12/2023

A profesora da Universidade de Vigo e directora do Centro de Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, Concepción Paz Penín, converteuse este martes na décimo sétima investigadora que recibe o Premio María Josefa Wonenburger para mulleres científicas.  

Catedrática do Departamento de Enxeñaría mecánica, máquinas e motores térmicos e fluídos, Paz recibiu o galardón de mans da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, nun acto celebrado no edificio Redeiras na tarde deste martes. O evento contou tamén coa presenza do reitor, Manuel Reigosa, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez. 

A Unidade Muller e Ciencia da Xunta, organismo que concede este recoñecemento, escolleu a Paz Penín pola súa especialización e o seu elevado índice de impacto como investigadora, entre outras cuestións. No evento, a conselleira Elena Rivo destacou a traxectoria da galardoada e puxo en valor que como directora do Cintexc desde 2020 estea traballando para posicionar este centro na vangarda da investigación e desenvolvemento en sectores claves para Galicia como o son as enerxías renovables, a eficiencia enerxética ou a intelixencia artificial.

Recoñecida xa en 2017 pola Xunta co Premio de transferencia de tecnoloxía, Paz Penín ten dirixido sete teses de doutoramento e numerosas publicacións en revistas académicas de alto nivel. Así, conseguiu desde 2005 máis de 5,5 millóns de euros de ingresos en proxectos nacionais, autonómicos e colaboracións con empresas; e máis de 8 millóns captados en proxectos como investigadora participante.

Con este galardón, que leva o nome da investigadora e matemática galega que foi pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias, a Xunta de Galicia quere poñer en valor a carreira destas referentes, que destacan pola súa contribución e convertelas en modelo a seguir polas xeracións vindeiras. Antes que Paz Penín, en 2014 tamén recibiu o Premio María Josefa Wonenburger a catedrática do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións Carmen García Mateo, unha das primeiras docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación en Vigo e, naquel momento, unha das oito catedráticas en Teoría do Sinal que había en España.