DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Profesores expertos da área de Ciencia Política do campus analizaron os resultados do 21-O

A “distorsión da proporcionalidade” do sistema electoral galego

A fin do tripartidismo, a distribución territorial do voto e a explicación de aspectos técnicos cent

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 23/10/2012

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu este martes unha xornada de reflexión e debate sobre os resultados electorais ao Parlamento de Galicia, da man dos expertos en materia electoral e profesores do Grao en Dirección e Xestión Pública, Álvaro X. López Mira, Enrique X. Varela e Celso Cancela. Aínda que cada un se centrou nun aspecto concreto do 21-O, os tres salientaron por un lado “a distorsión da proporcionalidade” do sistema electoral galego, isto é, que a porcentaxe de papeletas non se corresponda coa de escanos conseguidos e, por outro, a ruptura da igualdade de voto, o que provoca que “non todos os metidos na urna vallan o mesmo”.

Moderados por Alberto Martínez, presidente da Asociación de Alumnado do Grao en Dirección e Xestión Pública, os tres profesores puxeron por riba da mesa temas “de rabiosa actualidade” tales como a nova diversidade política, a fin do tripartidismo, as aplicacións do Sistema D'Hondt ou a distribución territorial do voto, ante un público de todas as idades e ideoloxías, “o que converteu a este encontro nunha forma máis que a Universidade ten de transferir coñecemento á sociedade da contorna”, apuntou o experto Álvaro X. López Mira que afondou nos aspectos máis técnicos do sistema electoral, “fundamentais para entender os resultados finais dunhas eleccións”. Así o profesor López Mira referiuse ao Estatuto de Autonomía galego, “que petrifica o distrito electoral” establecendo como circunscrición a provincia e o número concreto de deputados, entre 60 e 80, “cuestións que provocan distorsións noutros elementos”, puntualizou o docente. Afondou na necesidade de obter o 5% dos votos totais emitidos para obter representatividade no Parlamento; no principio de proporcionalidade do Sistema D'Hondt aplicado no territorio español “que beneficia ao partido maioritario” ou na ruptura da igualdade de voto consecuencia da actual Lei Electoral de Galicia que “consagra” a distribución de 40 escanos en función do territorio, deixando “soamente” os 35 restantes nas mans da poboación e do principio da proporcionalidade. “Se se establecese un distrito único sen barreira, incrementaríase a proporcionalidade, pero non afectaría ás maiorías”, aclarou o profesor López Mira que prognosticou un “cambio de ciclo político”, apoiándose nos resultados das grandes cidades e das principais vilas da comunidade e “nas novas tendencias que evidenciou a enquisa prelectoral do CIS”.

A fin do tripartidismo en Galicia?

O profesor Varela reflexionou se estas últimas eleccións autonómicas puxeran punto e final á hexemonía dos partidos clásicos en Galicia, o PP, PSdG-PSOE e BNG. “De 1983 a 1993 houbo unha maior variedade electoral no Parlamento, deixando paso a unha consolidación do tripartidismo que se empeza a pór en dúbida coa aparición de AGE nestes últimos comicios”, apuntou o experto, unha realidade “que dá máis xogo ao sistema electoral e un maior incremento da diversidade política”. Segundo o docente, os resultados do 21-O evidenciaron “un desapego” da cidadanía con respecto aos grandes partidos, o que desencadeou un descenso xeral no seu número de votos. Non obstante, Varela non augurou a fin do monopolio dos partidos clásicos, pero si que sinalou o cambio de consideración da sociedade sobre o voto útil, preferindo destinalo a partidos minoritarios. “Nestes momentos vivimos unha fase de transición no referido a cultura política, na que aínda segue vixente a tradición pero con novos elementos”, subliñou.

A quenda de intervencións pechouna o profesor Celso Cancela cunha análise sobre a distribución territorial do voto, na que resaltou o afianzamento da coalición política liderada por Xosé Manuel Beiras na circunscricións atlánticas e a tendencia a estabilidade nas zonas de interior. Tamén fixo alusión ao maior colorido político, “110000 papeletas foron a parar a candidaturas secundarias”, á perda xeral en número de votos dos partidos clásicos con respecto a 2009 nas principais cidades, así como á "forte" presenza do PP na comunidade, “a forza máis votada en 302 dos 315 concellos galegos”, concluíu Cancela.