DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Historiadores galegos daranse cita nunhas xornadas sobre o consenso e o consentimento no franquismo

Como unha ditadura chega a obter o apoio social?

Será do 20 ao 22 de xuño no Edificio de Ferro do campus de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 01/06/2012

Ollando a historia, e concretamente ás ditaduras que a protagonizaron, unha das preguntas que xorde é como e porque unha sociedade puido permitir, de xeito activo ou pasivo, un réxime totalitario. Para responder a esta pregunta no caso do franquismo, o campus de Ourense acollerá do 20 ao 22 de xuño un curso de verán, organizado xunto á UNED, no que destacados historiadores galegos afondarán no consentimento e consenso social nesta ditadura e nas fórmulas empregadas polos seus dirixentes para acadar o apoio social. Un réxime, advirten, non se mantén durante décadas só coa represión directa.

O curso de extensión universitaria, titulado Primeiras Xornadas O Franquismo en Galicia. Cine, Política e Sociedade. Consentimento e Consenso na Ditadura, está dirixido polos docentes Abdón Mateos, da UNED, e Julio Prada, da Universidade de Vigo, e conta na súa organización coa participación da Facultade de Historia do campus de Ourense, a Delegación de Alumnos de Historia, a Asociación ALEHOU e o Obradoiro de Historia de Galicia. “A idea deste curso é dar un salto cualitativo no estudo da historia en Galicia. Levamos moitos anos estudando a represión no franquismo pero un réxime non se mantén só coa represión directa. Fai falla un consenso social, un apoio explícito da cidadanía, ou un consentimento, unha desmobilización da mesma. Ata que punto houbo un ou outro durante o goberno de Franco?. Esta é a pregunta que nos facemos”, explica Xulio Prada.

Unha realidade máis complexa que a propagandística

Segundo explican os directores da iniciativa, fronte á propaganda oficial que presentaba un país unanimemente identificado coa obra de Franco, “érguese unha realidade, complexa e poliédrica, na que as inquebrantables adhesións se mesturan con importantes segmentos de oposición e con esa multiforme masa de indiferentes, pasivos e non comprometidos aos que o réxime intenta atraer facendo uso das máis variadas fórmulas”. Con estas xornadas, salientan, preténdese identificar e interpretar os mecanismos de xeración de consensos empregados pola ditadura en Galicia durante o primeiro franquismo, analizar os seus apoios sociais e a xestión do poder local e profundar na variada gama de actitudes individuais e colectivas, indagando nas causas que as explican e no papel que desempeñaron para a súa consolidación.

Durante as xornadas os participantes afondarán en cuestións como o papel das elites locais no franquismo, as raíces do consentimento social da ditadura, a organización sindical e o control social dos traballadores, a Sección Feminina da Falanxe, a Fronte de Xuventudes, a propaganda ou a representación cinematográfica. Para falar destes temas e debater sobre eles, estár un destacado panel de historiadores, como son Domingo Rodríguez, Ana Cebreiros, Julio Prada e José Ramón Rodríguez, da Universidade de Vigo, e José Luis Castro, Emilio Grandío, Ana Cabana e Daniel Lanero, da Universidade de Santiago de Compostela.

Polo seu interese, a iniciativa está dirixida a titulados universitarios e a estudantes pero tamén ás persoas que teñan inquedanzas por ter un coñecemento máis amplo do franquismo ou da historia en xeral. O número de prazas ascende a 75, estando aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 15 de xuño. O prezo da matrícula é de 5 euros para o alumnado da Universidade de Vigo e da Uned e de 15 euros para as demais persoas.